O misterio sobre as “inscricións fenicias” atopadas na Torre de Hércules en 1895
“Copias de las fotografías de las inscripciones -al parecer fenicias- descubiertas por nuestros distinguido amigo D. Francisco M.ª de la Iglesia en la península de la Torre de Hércules, serán enviadas á las Academias de Madrid, París, Berlín, etc., para la debida interpretación, á la vez qeu á El Cairo, centro de sabios especialistas en estas materias”. Con este breve recollía o 14 de agosto de 1895 o xornal El Anunciador as marcas atopadas en varias rochas que se atopan preto do faro romano.
Este feito, lembrado por Fernando Patricio Cortizo na rede social Facebook volveu traer a memoria o rico patrimonio que existe en torno ao monumento declarado Patrimonio da Humanidade, pero que non está tan protexido como este. Estas supostas “inscricións fenicias” das que falaba o seu descubridor, non resultaron ser tal, senón petróglifos cruciformes que se atopan en Punta Hermina, unha antiga zona militar.
Trátase de dúas rochas; a pedra do Altar, descubertas en 1895 por Francisco María de la Iglesia, e a pedra da Brúxula, descuberta en 1897 polo seu fillo Santiago. De feito, o primeiro elaborou un mapa cos petróglifos que había nesa data na contorna da Torre, case todos eles desaparecidos.
A pedra do Altar e a pedra da Brúxula
A pedra do Altar contén numerosas cruces, varias inscritas en círculos, cruces con base circular e algunhas figuras humanas moi esquematizadas, tal e como recolle o colaborador de HdG, Xosé Troiano, na Web patrimoniogalego. O gravado está situado a uns 75 metros de altura sobre o nivel do mar tendo un estado de conservación malo debido, ademais da erosión natural, ós múltiples impactos de bala ós que foi sometida a pedra cando os terreos nos que se empraza estaban baixo xurisdición militar, xa que a zona era un campo de tiro.
Pola súa banda, a pedra da Brúxula ten gravados similares a principal, aínda que en menor número. A rocha fora tapada con terra, a instancias do propio de la Iglesia, debido a que logo da súa descuberta sufrira diversas agresións por algún pastor da zona, segundo recolle Xosé Troiano.
A principios do ano 2014, foi redescuberta debido a que os gravados quedaron o aire libre debido as abundantes choivas e ao mal tempo, que fixeron que, agora, se poidan volver a ver de novo. Está composta por nove figuras cruciformes, tres delas con base circular e as demais situadas enriba destas tres, pero cun trazo moi feble, non sendo doado de percibilas.
A raíz da súa nova descuberta, o Concello da Coruña iniciou traballos para recuperar estes petróglifos. Unha tarefa da que se encargou a arqueóloga e restauradora Begoña Albertos Figueroa. Ademais de sinalizalos, realizouse un levantamento da fotogrametría dos petróglifos en 3D.
Marcas de peregrinos?
Pero cal é o orixe destas inscricións?. O arqueólogo municipal, Marco Antonio Rivas, apuntaba en La Voz de Galicia que é difícil establecer unha datación para os petróglifos e aventuraba que poderían estar relacionados coa Torre de Hércules e os elementos medievais da mesma. Desde Patrimoniogalego se apunta que era a maneira que tiñan os cruzados procedentes do norte europeo de deixar a súa marca.
Tamén o historiador Felipe Senén, autor dun traballo de investigación sobre estes elementos, apunta que a cruz representa ás persoas e tamén ao sol e simbolizan un acto de presenza. Así, destaca que a maioría de igrexas de peregrinaxe teñan estes conxuntos de petróglifos que, neste caso, datan dos séculos XI e XII.