fbpx
Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, en Sanxenxo, declarado BIC / http://caminoporsanxenxo.blogspot.com.es/

O núcleo de poder da antiga xurisdición da Lanzada xa é BIC

Tempo de lectura: 3 min.

O Consello da Xunta deu luz verde á declaración como ben de interese cultural do Pazo de Quintáns ou Pazo do Casal, na parroquia de Noalla, do concello de Sanxenxo (Pontevedra). Deste xeito, o edificio e a súa contorna entran na máxima categoría de protección da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo informa a Xunta, o uso principal e histórico desta casa foi ser a casa principal dos Paadín, tamén o de espazo de lecer ou instalación complexa agropecuaria, ademais de residencia ocasional e lugar de veraneo para a anterior familia propietaria.

Despois de que o Concello de Sanxenxo a adquirise comezou a redactar un plan director e un proxecto de restauración para recuperar o edificio principal para usos públicos. A declaración como ben de interese cultural comprende tanto o inmoble e as súas partes integrantes como a contorna e os bens mobles e documentación.

O Pazo de Quintáns é un singular pazo que exemplifica a relación dun edificio relevante co seu contorno, é o lugar de referencia da antiga xurisdición da Lanzada, terra de vida e comercio desde o século VIII antes de Cristo, como evidencian as escavacións históricas e recentes do xacemento costeiro. De estilo barroco, o pazo conta con planta en forma de L, unha galería significativa de 19 vans e 250 vidros e cuberta a 8 augas, pola peculiar configuración do inmoble, froito das sucesivas reformas, a máis importante acometida no século XVII.

Distintas imaxes do pazo de Quintáns, en Sanxenxo, do expediente da súa declaración como BIC / Xunta

O conxunto

A estrutura do conxunto parece proceder da posible orixe deste, a torre do Casal de Moldes. Neste momento, o complexo do pazo está composto polo edificio deste, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo, ademais dos espazos verdes: patios, praza frontal, xardín e horta murada. Das partes integrantes do complexo cómpre salientar os escudos nobiliarios das fachadas sur e leste, que presentan dous escudos nobiliarios, con referencias aos símbolos das familias Paadín, Valladares, Andrade ou Freire de Andrade, Ponte ou Aponte.

O expediente de declaración BIC fai referencia tamén á casa de caseiros, probablemente da segunda metade do século XIX; ao hórreo de cantaría, datado a inicios do século XX e con dúas plantas, e á capela, unha pequena construción de cantaría con bóveda de canón e na cal se venera a imaxe en pedra da Virxe da Quinta Angustia, peza datable no segundo terzo do século XVII e que, polo tanto, podería ter unha orixe anterior á capela en que se localiza e a consideración de ben moble adscrito á súa localización.

Así mesmo, o expediente recolle os xardíns, con árbores ornamentais, froiteiras, sebes de buxo… e coroado por unha traballada fonte ornamental labrada en pedra granítica. O tipo de deseño e as especies que se conservan apuntan a un trazado de xardín establecido a comezos do século XX. Entre as pezas de mobiliario conservadas (algunhas deterioradas) no interior da casa, presentan interese histórico e etnográfico algúns mobles probablemente pertencentes ás etapas finais en que o pazo estivo habitado, entre finais do século XIX a comezos do XX.

Porén, ningún deles resulta senlleiro ou relevante para definir os valores do ben nin para ter a consideración de bens mobles adscritos ao inmoble, ben que se recomenda a súa custodia e conservación para evitar a deterioración e avaliar, nos proxectos de desenvolvemento futuro, a súa posible integración na posta en valor do pazo.

Protección e visitas

O expediente de declaración BIC iniciouse por solicitude do Concello de Sanxenxo, que está tamén a preparar un plan director que sirva como folla de ruta para as actuacións que se deberán realizar no futuro en prol da restauración e conservación deste ben. Entre outras particularidades, a declaración BIC implica que a realización de obras ou calquera intervención que afecte ao ben deberá ser notificada coa suficiente antelación á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, así como a venda ou poxas que se refiran a el.

Ademais, e neste caso concreto de bens inmobles, os que declarados BIC son inseparables do seu contorno, polo que non poderá procederse ao seu desprazamento salvo que resulte imprescindible por causa de caso fortuíto, forza maior, utilidade pública ou interese social, despois do informe favorable da devandita dirección xeral. Por outra banda, no momento en que o conxunto estea habilitado para iso, o Concello deberá garantir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente.

 

Pode que che interese...