O traslado do Apóstolo Santiago desde Xerusalén a Galicia contada en inglés
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou este xoves o libro ‘Translating the Relics of St. James. From Jerusalem to Compostela‘, un volume de investigación multidisciplinar que aborda, integramente en inglés, o traslado do corpo do Apóstolo Santiago desde Xerusalén a Galicia, cuxos elementos clásicos están recollidos no Códice Calixtino.
O libro é o quinto volume da serie publicada pola editorial británica Routledge e titulada ‘Compostela International Studies in Pilgrimage History and Culture’.
Segundo contou Antón M. Pazos, coordinador do volume, o libro “recolle as máis recentes investigacións sobre o Apóstolo Santiago e a súa contorna en Palestina”, á vez que “sintetiza as tradicións sobre o seu traslado a España e o reflexo que tiveron na política, a historia ou a arte”.
A obra iníciase cunha introdución a cargo de Antón M. Pazos, que leva por título ‘Unha historia en dúas cidades’, na que se analiza a importancia de Xerusalén e Santiago de Compostela na historia relixiosa de Occidente.
Os autores son investigadores de universidades e centros de investigación de España, Reino Unido, Israel e Estados Unidos que traballan en diferentes disciplinas e áreas temáticas que van desde a arqueoloxía bíblica ás peregrinacións xacobeas.
11 capítulos
O libro consta de 11 capítulos e divídese en tres bloques, ‘O apóstolo Santiago e as súas xeografías antigas’, ‘A translatio, de Xerusalén a Compostela’ e ‘Unha vía de dobre dirección: de Compostela a Xerusalén e volta’.
O epílogo da obra está a cargo de Noga Collins-Kreiner e versa sobre ‘O turismo de peregrinación no século XXI’, onde analiza o fenómeno das peregrinacións no século XXI a través das experiencias de Terra Santa e o Camiño de Santiago.
Ao acto deste xoves, no Instituto Padre Sarmiento, asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que se referiu a esta publicación como un “instrumento de primeiro nivel para a difusión internacional do Camiño de Santiago e a cultura xacobea”.
Do mesmo xeito, asegurou que se enmarca no “destacado labor” que vén facendo o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento no ámbito das peregrinacións, con publicacións “fundamentais para a preservación da Ruta Xacobea” que “quedarán na historia para lembrar que o Camiño é un fenómeno vivo e eterno”.peregrinación”.