fbpx
Sepulcros do gótico flamíxero no mosteiro de Ferreira de Pallares, en Guntín / Galipedia

Os segredos do mosteiro que conserva dous impresionantes sepulcros do gótico flamíxero

Tempo de lectura: < 1 min.

Os segredos e a evolución dun dos mosteiros máis interesantes do interior lucense acaban de saír á luz. ‘O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa Ferrería‘, obra de José Ángel Santos Núñez, analiza a historia deste mosteiro de Guntín. Un cenobio no ano 909 polos condes don Ero Fernández e dona Laura.

Esta obra, publicada pola Deputación de Lugo, foi o traballo gañador da VIII edición do Certame de Investigación Condado de Pallares que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares e coa que colabora o organismo provincial.

O libro presenta un estudo arquitectónico, construtivo, histórico e gráfico sobre o Mosteiro de Ferreira de Pallares, así como a evolución arquitectónica e histórica en cada período, a través da correspondente investigación e recuperación de documentos. Así mesmo, a obra presenta unha hipótese arquitectónica da época na que a Ferrería estaba en funcionamento.

A igrexa mosteiro é, segundo Yepes, unha das mellores de todo o bispado de Lugo. Nela mestúranse fórmulas e solucións románicas con outras protogóticas. Conserva dous sepulcros do gótico flamíxero da liñaxe dos Rodeiro.

X Edición do Certame

O Certame de Investigación Condado de Pallares, que se celebra xa por décimo ano consecutivo, aposta por temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada e Carballedo, as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. Nesta última edición a gañadora foi Tamara González López, pola súa obra Apadriñamento e bautismo no suroeste de Lugo: Carballedo e Chantada (S.XVI a XIX).

Pode que che interese...