Pena da Mira, o castelo inédito que domina o val de Santiago
Non é habitual atopar nun libro a descrición do lugar exacto onde estaría situada unha torre ou castelo medieval non catalogado. É recoñecida a pouca información ou estudos concretos sobre pequenos castelos e fortificacións medievais polos investigadores que analizan este tema, e a maior parte dos datos son problemáticos á hora de trazar unha cronoloxía máis ou menos concreta, e como afirma Sánchez Pardo : “Debido a esta escaseza e a parcialidade das escavacións, atopámonos cunha acuciante ausencia de cronoloxías precisas e unha gran dificultade para articular posibles cronotipoloxías.”
Posiblemente non sexa este o caso para un castelo no concello de Ames, que controla o Val da Amaía, a carón de Santiago, dende o outeiro estratéxico que ocupa sobre o territorio, e no cal creo que coincide a súa localización atendendo o que lin na páxina dunha obra de López Ferreiro.
O contexto da Depresión Meridiana
A depresión meridiana que atravesa Galicia de norte a sur foi o trazado natural de vías de comunicación dende tempos remotos. Na época romana documéntase por este val un tramo de vía que dende Padrón chegaría a Portomouro e continuaría despois ata terras de Bergantiños. O nacemento e expansión da cidade de Santiago co conseguinte culto as supostas reliquias do apóstolo farían na época medieval un foco de atracción permanente de xentes movidas pola espiritualidade relixiosa e as oportunidades que ofrecía a nova situación sociopolítica, pero tamén de invasores como os normandos e a piratería musulmá, que remontarían esta ruta do interfluvio dos ríos Ulla e Tambre para conquistar os seus botíns.

Castelo Redondo /Elixio Vieites
Algúns destes camiños estarían controlados por fortificacións castelos ou atalaias facendo a mesma ou parecida función de control durante séculos, e ao mellor atendendo a conxunturas distintas. Dende Iria, en Padrón ata Santiago e a ambos lados dos montes que divisan o seu trazado están catalogados varios lugares arqueolóxicos desta natureza.
Castro Valente, entre os concellos de Padrón e a Estrada, e o Monte San Marcos en Ames, serían grandes espazos murados no cume dun monte. Os que poderíamos encadrar na tipoloxía de “castelos roqueiros” a ambos lados da depresión, comezando dende o sur ao norte e pola banda leste, estarían en Padrón o Monte Castrelo a 176 m. de altitude, o Castelo Redondo, Castelo do Medio, Castelo de San Roque e Monte Castelo, estes catro en menos dun quilómetro en liña recta e todos ao redor dos 400 m. de altitude, Un pouco máis ao norte o monte de Pena Angueira a 283 m. en Teo.
Pola banda oeste estaría o Castelo do Vilar en Dodro, con visión sobre o Ulla, o Castelo do Oleirón entre Brión e Rois e posiblemente os aterrazamentos e muros no pico do monte da Costolla moi cerca deste último, delaten outro asentamento fortificado que complementarían o control dende esa zona.

O afloramento rochoso da Pena da Mira / Elixio Vieites
O Outeiro da Pena da Mira
No libro de López Ferreiro : Don Rogrigo de Luna. Estudio Histórico. (1884) descríbese no capítulo XI, : “Asedio del Castillo de la Rochaforte” o lugar dunha pequena fortaleza que controlaba o camiño que dende a ponte sobre o río Sar na Condomiña, en Bertamiráns, pasando por Ortoño e Laraño, chegaba a Santiago. Esta ruta chegou despois a ser camiño real.

Alvaro Sánchez Dávila. Recreación da web rochaforte.info
Non sabemos se esta fortaleza fora en tempos anteriores lugar de vixilancia ou castelo noutros contextos históricos, pero o que si nos di López Ferreiro é para que a utilizaba Alvaro Sánchez Dávila, tenente da Rochaforte dende 1455 e ata os días da destrución do castelo no transcurso da guerra irmandiña. : “…más Alvaro Sánchez no se contentaba con ser leal guardador de la Rocha, si no que desde allí con sus contínuas salidas y rebatos no dejaba punto de paso a los rebeldes, Por la parte de Sub y del oeste tenía á Santiago, y cortadas sus comunicaciones con Noya Muros y la rica comarca de la Amaía. Prestábase a ello la situación del castillo, que se erguía empinado y escueto sobre un altozano en la margen izquierda de un riachuelo afluente del Sar, como á unos cuatro kilómetros de Santiago y entre las carreteras de Noya y Padrón.”
Esa descrición topográfica coincide co noso lugar, sobre todo pola descrición do rego de Paramuíño que tributa ao Sar pola marxe esquerda á altura dun paso sobre unha ponte co microtopónimo Portocovo, e que está moi cerca dese outeiro dunha altitude de 207 m. e a 300 metros en liña recta do camiño real cara o suroeste . É coñecido tamén como o O Picón e domina unha ampla visual sobre o Val da Amaía e a zona de Santiago, xunto coas súas contornas.

Regularización de muros, buratos e pías en Pena da Mira
O castelo estaría no afloramento granítico que amosa rebaixes e regularizacións para escuadrar unhas liñas de rocha e facer o que podería ser o asentamento de muros. Tamén se aprecian ocos redondos escavados na pedra que asentarían pontóns de madeira e outros rebaixes que configuran pías artificiais. Estas características son as que se aprecian noutros lugares no que se considera que estiveron torres ou castelos, ou fortificacións para a vixilancia e control do territorio. Domina unha ampla visual sobre o Val da Amaía e a zona de Santiago, ademais como nos informa López Ferreiro non estaba lonxe do camiño sobre o que tería que actuar facendo o control ou cortando as comunicacións en tempos de revolta ou contextos difíciles para quen ostentaba o poder.
Unha liña de alta tensión pasa ao seu carón e na cara oeste esta catalogado o petróglifo de Pena da Mira.

petróglifo de Pena da Mira /Elixio Vieites
Bibliografía
Pena da Mira http://patrimoniogalego.net/index.php/82236/2016/01/pena-da-mira/
Petróglifo de Pena da Mira http://patrimoniogalego.net/index.php/14760/2012/03/petroglifo-de-pena-da-mira/
Sanchez Pardo, Jose Carlos (2009) Castros, castillos y otras fortificaciones en el paisaje sociopolitico de Galicia (siglos IV-XI).
Galbán Malegón, Carlos J. Sanchez Pardo, Jose Carlos. (2015) Fortificaciones de altura en el entorno de Santiago de Compostela. Hacia un primer análisis arqueológico comparativo
López Ferreiro, Antonio. Don Rodrigo de Luna. (1884)