Que fai unha espectacular armadura samurai do século XIV no medio de Lugo?
Hai nunha sala dun museo galego unha fermosa armadura dun poderoso guerreiro xaponés do século XIV. Unha armadura dun auténtico samurai que chegou a Galicia por casualidade e que rematou nunha das salas do Museo de San Pedro de Narla, dependente da Deputación de Lugo. Segundo o propio museo esa coiraza está datada no período Muromachi, coñecida tamén como era Ashikaga, que se desenvolveu entre os anos 1336 e 1573.
Pero, como chegou unha armadura así a Lugo?. A esa pregunta daría cumprida resposta Juan López Suárez, que naceu no Saviñao en 1884, e que se coñece co pesudónimo de Xan de Forcados. Este filántropo coñeceu a destacados galeristas e anticuaristas en Madrid e crese que a armadura puido tela adquirido nunha das súas viaxes ao estranxeiro. O 13 de xullo de 1942 pasou a formar parte dos fondos do museo por doazón do propio Xan de Forcados.

Armadura samurai no museo de San Pedro de Narla / museo de San Pedro de Narla
Actualmente atópase na Torre da Homenaxe do castelo, que é a que alberga as coleccións de armas brancas e de fogo, na que destacan, ademais da armadura samurai, outra de placas de hasta, así como dagas, machetes, espadas, revólveres de percusión, de tambor ou de chispa, fusís ou canóns.
Características
A armadura samurai, a diferenza da armadura usada polos cabaleiros europeos, sempre estaba deseñada para a mobilidade. Estaban feitas de chapas lacadas de coiro ou metal, coidadosamente unidas por cordóns de coiro ou de seda. Os brazos estaban protexidos por escudos, con hombreiras rectangulares grandes e lixeiras, e mangas blindadas.
A parte máis estraña e complicada da armadura, o casco kabuto, tamén cumpriu o seu propósito. Estaba feito de placas metálicas remachadas, mentres que a cara e a fronte estaban protexidas por unha peza de armadura que se ataba ao redor de detrás da cabeza e baixo o casco. Defendía ao guerreiro de frechas e espadas que viñan desde todos os ángulos. Moitos cascos tamén contaron con adornos e pezas acoplables, incluíndo un bigote, unha máscara demoníaca mengu que tanto protexía a cara e daba medo ao inimigo.
Aínda que a armadura samurai pasou por cambios significativos no tempo, o seu aspecto xeral sempre se mantivo bastante constante. Foi tan ben feita e eficaz, que o Exército de EE.UU. baseouse nestas armaduras para crear os chalecos antibalas actuais.