Axudas para restaurar vivendas, libros antigos e roteiros patrimoniais en Santiago
O Consorcio da Cidade de Santiago insistirá, un ano máis, na recuperación da zona vella de Santiago e en diversas actividades e axudas encamiñadas a potenciar o patrimonio cultura e natural do concello.
Acaba de presentar o primeiro documento de proposta estratéxica elaborado polo Consorcio para o horizonte dos vindeiros Anos Santos 2021 e 2027 para a súa análise pola Comisión Executiva. Ademais, a Comisión aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas á rehabilitación dos elementos especiais de madeira e reixas nos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. Con esta iniciativa búscase mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, co consecuente aforro económico para os cidadáns, xunto co seu illamento acústico. O importe global destas subvencións ascende aos 150.000 euros.
Así mesmo, renóvase o convenio co Instituto Arcebispo Xelmírez I para seguir coa restauración dos fondos bibliográficos da súa biblioteca histórica. Ao longo do ano pasado xa se avanzou moito nas tarefas de recuperación e conservación e agora, nesta segunda fase, desenvolverase a restauración dunha primeira edición completa de L´Encyclopédie ou Dictionnaire Raisonné des Sciences, des Arts et des Métiers do século XVIII e o tratamento dunha serie de láminas e mapas antigos. Está previsto ademais realizar unha exposición co material máis valioso que atesoura a biblioteca.
Acondicionarase o sendeiro do río Sarela
Na xuntanza aprobáronse varios convenios con diferentes organismos e entidades culturais e educativas da cidade, por un valor global de 809.588,23 euros. No caso do concello de Santiago levarase a cabo o proxecto de restauración e mellora do itinerario fluvial “De ponte a ponte polo río Sarela” co fin de recuperar e poñer en valor a riqueza patrimonial e ambiental desa zona. E co Concello continúa o acordo para a realización do espectáculo dos fogos do Apóstolo deste ano.
Co Auditorio de Galicia aprobouse un convenio para o desenvolvemento de diversas actividades culturais e outro para a celebración do festival de cine Cineuropa 2017. Coa Fundación Granell mantense o acordo para a posta en marcha de iniciativas culturais na súa sede. Pola súa parte, segue a colaboración con “Música en Compostela”, o curso universitario internacional de música española que cada ano se celebra en Santiago durante o mes de agosto.
Axudas a locais comerciais
Por outro lado, deuse luz verde á convocatoria para a concesión de subvencións no marco do “Programa Localízate 2017”, centrado na mellora dos locais comerciais da cidade histórica. Este ano destinaranse 150.000 euros en axudas para optimizar a accesibilidade, a eficiencia enerxética, a imaxe exterior e o acondicionamento interior dos locais.
Terán preferencia as obras destinadas a mellorar a accesibilidade e primarase así mesmo a apertura de novos locais actualmente sen uso. Ademais, búscase favorecer a redución do consumo enerxético (o que afecta ás instalacións de iluminación, electricidade e acondicionamento de aire), a mellora da imaxe externa e do interior, o acondicionamento acústico e tamén se subvencionan os honorarios de redacción do proxecto e dirección técnica da obra.