Buscan na Arousa o que podería ser o primeiro mosteiro galego arrasado polos viquingos
A torre ou campanario de Cálago é o único que queda do antigo mosteiro de Cálogo, fundado por San Frutuoso no século VII. Segundo a tradición, esta torre empregábase para facer sinais sonoros e visuais aos núcleos poboados próximos cando chegaban os temibles piratas normandos ou árabes pola ría de Arousa. Por iso, foi saqueado en varias ocasións e, definitivamente, destruído no século IX.
O Concello de Vilanova leva anos tentando recuperar parte desta historia que pervive na memoria oral dos veciños. Ninguén sabe con exactitude onde está o mosteiro pero crese que se atopa no entorno da actual torre de Cálago, que é un edificio singular. Trátase dun campanario exento o que fai pensar que podería funcionar tamén de torre de vixilancia, pola visibilidade que ten sobre a entrada da ría de Arousa.
O único que realizou unha pequena intervención na zona a finais da década dos 90 foi o arqueólogo Vicente Caramés. Segundo as súas estimacións, o antigo mosteiro podería atoparse nunha ampla extensión de terreo ao pé da torre que, ademais, está asentado sobre un castro que estaría habitado desde o primeiro milenio antes de Cristo. Nesa intervención atopouse unha pequena capela sepulcral pertencente a un nobre vilanovés, pero no subsolo de toda a contorna que rodea á torre de Cálago aínda quedan moitos segredos por descubrir.

Torre do Cálago, en Vilanova de Arousa / afragadosmouros.blogspot.com
O propio Caramés recoñecía no Faro de Vigo que “Cálago é moi interesante non só polos restos existentes senón porque é o xerme da Vilanova actual e un xacemento como este, situado nunha zona urbana, pode ofrecer un atractivo patrimonial moi importante para o municipio”.
Acordo cos propietarios
Agora, un acordo cos propietarios das leiras da contorna, permitirá comezar os traballos, para os que o concello xa busca financiamento e tenta buscar acordos coa Xunta e coa Deputación de Pontevedra. Tamén están dispostos a achegar fondos municipais para despexar o misterio do mosteiro de Cálogo.
Segundo explica a historiadora Alicia Padín, no canal Rías Baixas, foi San Frutuoso de Braga quen fundou o mosteiro no século VII. No IX, os vikingos arrasárono. Ata o de agora descoñécese o seu emprazamento real, aínda que Padín confía que se atope na zona do castro. Para a historiadora, os achados que se atopen durante os traballos permitirán escribir unha nova páxina da historia de Vilanova e da comarca.
O primeiro mosteiro galego en ser arrasado?
Os últimos estudos apuntan a que o de Cálogo podería ser un dos primeiros –senón o primeiro– mosteiro arrasado polos viquingos, algo así como o Lindisfarne galego, só que neste caso sería atacado 50 anos despois que o mosteiro inglés, en torno ao ano 844. Século e medio despois, no ano 997, volvería ser vítima doutro ataque, pero nesta ocasión dos árabes que guiaba o caudillo Almanzor no seu camiño cara a Santiago de Compostela.
Nesa contorna tamén se situaría a antiga igrexa de Vilanova, que pertencía aos dominios do convento compostelán de San Martiño Pinario e que, durante varios séculos, se converteu no templo parroquial. A inicios do século XVI o edificio era espectacular, con nove altares, o maior e catro máis a cada lado, un deles nunha capela anexa ao muro norte. Pero acabou converténdose nunha ruína pola falta de fondos, e sobre todo, polo traslado da devoción á igrexa da Pastoriza. Este feito, tal e como recolle Faro de Vigo, acabou significando a pena de morte para o templo, que desaparecería a principios do século XX.