Consulta posibles ofertas de traballo relacionadas con Turismo ou Arqueoloxía
Un total de 2.000 persoas con estudos universitarios que demandan emprego e 110 empresas con necesidades de contratación, en concreto, 465 ofertas laborais, entre elas, do sector do turismo e da arqueoloxía. Estas son as cifras da 2ª edición da Finde.U Virtual, a versión en liña da feira internacional de emprego universitario de Vigo.
Huawei, Coren, Faurecia, Indra, Santa Lucía, General Electric, L’Oreal, Leroy Merlin Portugal, Hotusa, Fujitsu, Bricomart, Televés… O alumnado pode acceder a 134 stands virtuais, 60 procedentes de Portugal, 44 de España e o resto dunha lista de 15 países entre os que se atopan Malta, Italia, Holanda, Finlandia, Polonia, Irlanda, Alemaña, Suecia ou Noruega. “Repiten as empresas que asistiron á primeira edición da feira e a elas hai que sumar moitas novas”, asegura Alejandro Martínez, da Área de Emprego, que cita como exemplos a Pescados Ruben, Hotusa e CTAG, “que foron dos stands que máis currículos recibiron o ano pasado”.
Publicáronse 465 ofertas de emprego, bolsas e prácticas. En total son 2000 vacantes, xa que moitas destas ofertas ofrecen varios postos. Nesta ocasión participan firmas procedentes de todos os sectores: TIC (Huawei, Televés…); automoción (CTAG, Faurecia…); alimentación (Coren, Lusiaves…); hostalaría e turismo (Hotusa, TuriAzores…); vendas, comercial e moda (Bricomart, Leroy Merlin…).
Titulados e alumnado poden matricularse na feira de xeito gratuíto ao longo de toda a semana. Polo momento rexistráronse xa na feira 2000 persoas (un 52% de mulleres e un 48% de homes). “Arredor de 500 proceden da Universidade de Vigo e 1000 son de Oporto, UTAD e outras universidades portuguesas”, explican desde a Área de Emprego da Universidade de Vigo, ao que engaden que hai máis de 200 inscritos doutros países da Unión Europea (Italia, Grecia, Romanía, Alemaña, Reino Unido, Polonia e Francia) e algo máis de cen proceden de fóra da Unión Europea. Máis información na súa web.
Aberta a matrícula gratuíta en dous novos obradoiros para a busca de emprego
Por outra banda, a Área de Orientación Laboral da USC mantén a matrícula aberta en dúas novas actividades gratuítas para este mes de marzo do seu Programa de Formación para a Empregabilidade.
Por unha banda, o 24 de marzo terá lugar o obradoiro ‘Emprego 2.0: o uso das redes sociais e ferramentas TIC na busca de emprego’ no que se achegarán os recursos máis innovadores que se poden atopar a través de Internet ou noutros dispositivos dixitais. Será en horario de mañá na Facultade de Bioloxía.
Na mesma facultade o día 28 desenvolverase, tamén pola mañá, a xornada ‘Elabora o teu plan de acción: técnicas para mellorar a eficacia na busca do teu primeiro emprego’, coa que se pretende amosar a operativa de captación de talento que fan as empresas, departamentos de RRHH e consultoras de selección, así como identificar e definir as posibles estratexias para buscar emprego.