fbpx
Mosteiro de Oia. Vistas da torre da Igrexa desde o claustro gótico / X.S.
Mosteiro de Oia. Vistas da torre da Igrexa desde o claustro gótico / X.S.

Historias, lendas e guerreiros do mar no esquecido Mosteiro de Oia

Tempo de lectura: 8 min.

Hai un lugar en Galicia que é único, único polo tesouro histórico que agocha e único para entender o sensentido da burocracia que fai que o patrimonio galego esmoreza paseniño, atrapado en permisos e papeis que non entenden de economía e turismo e, menos, de sensibilidade e identidade para poñer en valor a nosa historia. Ese lugar, oculto entre montes que xorden bravos do mar e unha costa perigosa, é o Mosteiro de Oia.

Vistas do Mosterio de Oia desde as estribacións da Serra da Groba / X.S.

Vistas do Mosterio de Oia desde as estribacións da Serra da Groba / X.S.

O cenobio, de glorioso pasado, agarda, temeroso, a súa recuperación. Unha recuperación que está pendente de permisos do Concello que nunca chegan e que comezan a desesperar a Juan Martínez, un ribeirán que se namorou do mosteiro e quixo poñelo en valor hai xa máis de quince anos a través da sociedade Residencial Monasterio de Oia.

O seu obxectivo é rehabilitar o edificio, antes de que caia por completo, e convertelo nun complexo hoteleiro composto por un Hotel de 4 estrelas cunha capacidade aproximada de 72 habitacións e 1.000 m2 de salóns para celebracións e eventos. Tamén conservará 10.000 m2 de zonas verdes, e bosques de ribeira que hai ao carón do mosteiro e planea a execución dun centro de talasoterapia. “Obviamente, respectando escrupulosamente a súa arquitectura e os seus elementos artísticos”, sinala Juan Martínez con quen visitamos o interior deste espectacular cenobio.

Juan Martínez, impulsor da rehabilitación do Mosteiro de Oia

Juan Martínez, impulsor da rehabilitación do Mosteiro de Oia

E Martínez non é un promotor calquera. Nótase o cariño que lle ten ao edificio e o coñecemento absoluto de todas as súas estancias, das distintas dependencias, fases históricas e arquitectura. Polo camiño, ademais do que lle custou mercar o edificio, leva gastados xa máis de 200.000 euros en evitar que caian as estruturas e os tellados e no proxecto de construción.

Por iso, non se rende a pesar de que leve anos pendente de que o Concello de Oia lle dea un permiso de uso de augas que non dá chegado dado que uns e outros políticos se pasan a pelota. E iso, a pesar de que tivo os compromisos dos gobernos de Touriño e Quintana e de Feijóo para impulsar o seu proxecto. Non é de estrañar que na súa loita non estea só. Tamén o apoian entidades locais e a Asociación de Amigos do Mosteiro de Oia.

A historia

O certo é que o mosteiro é todo un emblema do concello e de toda a comarca. De feito, aparece representado no escudo do concello. Algúns autores xa falan da súa existencia en tempos de Martiño de Dumio no século VI e outros atribúen a súa fundación a san Froitoso de Braga un século máis tarde.

Claustro barroco do mosteiro de Oia, apuntalado ante o seu deteriorado estado / X.S.

No século XII xa hai referencias a unha comunidade monástica no lugar, pero é no 1137 cando ten lugar a súa fundación, para logo incorporarse á Orde do Císter no ano 1185. A comezos dos século XIII era xa tal a súa importancia que Afonso IX deixoulle en doazón a Illa de San Martiño, do arquipélago das Cíes. Deste xeito, a comunidade atopouse cun gran poderío económico que mesmo chegou ás mesmas portas de Lisboa. Pero, no século XIV as súas propiedades en Portugal fóronlle arrebatadas polo rei don Dinís.

Tras a exclaustración, no ano 1838, o mosteiro quedou abandonado e as súas dependencias saqueadas. A igrexa monacal conservouse grazas a que pasou a ser parroquia anexa a Pedornes. Tras anos de deterioración, en 1910 os xesuítas expulsados de Portugal arrendaron o mosteiro, onde se estableceu un colexio. Esta orde permaneceu en Oia ata o ano 1932, data en que tiveron que abandonalo ao ser nacionalizados os bens da Compañía de Xesús e ao se decretar a súa expulsión do territorio español. Este feito coincidirá cos anos da Guerra Civil cando o cenobio será utilizado como cárcere acollendo a numerosos prisioneiros cataláns, valencianos e mallorquinos. Unha presenza que quedou patente nas inscricións murais de diversas estancias, tal e como puidemos comprobar.

Os segredos do mosteiro de Oia

Pelouro á entrada do Mosteiro de Oia, onde se impartía xustiza / X.S.

Pero que oculta ese gran monumento, o único mosteiro cisterciense que mira cara ao mar Atlántico? “A cala que se sitúa fronte ao edificio era usada como refuxio, de feito era o único abrigo que ofrecía a costa para as embarcacións que partían de Baiona”, lembra Juan ao apuntar que era o principal porto de chegada desde América ao Norte de España.

Con el descubrimos as distintas dependencias do cenobio. Entramos por unha maxestosa porta, noutros tempos a gran entrada ao mosteiro, e pola que accedían os numerosos peregrinos que facían o Camiño da Costa. Por iso, o mosteiro tiña un hospital e tamén unha botica, cun gran xardín onde o frade boticario cultivaba as plantas medicinais para os seus famosos remedios. “A miña intención é volver facer dese espazo un gran xardín botánico”, subliña.

Logo entramos por unhas grandiosas escadas ás dependencias superiores do primeiro dos claustros, o das procesións, construído nun gótico tardío do XVI coa adición de novos espazos realizados por mestres artísticos como Pedro del Campo ou Bartolomeu de Hermosa. Alí tamén se atopa a sala capitular, a sancristía ou o coro alto.

E de aí pasamos a outra das partes do mosteiro, a construída no século XVIII, moito máis rica que a anterior e coñecida como Patio dos Laranxos…. Por certo, uns laranxos que aínda dan froita e cuxas laranxas están deliciosas. Nunha das súas fachadas atópase a inmensa bodega, que conserva un espectacular lagar. E na outra, os cortellos. Un edificio abovedado que albergaba numerosos cabalos e vacas e que Juan quere reconverter a auditorio “pola fantástica acústica que ten” e o “fermoso do lugar”. E, efectivamente, razón non lle falta nas dúas apreciacións.

Calendario que un preso repubicano deixou nunha das paredes do mosteiro de Oia / X.S.

Na parte superior, nun dos seus lados atópanse as dependencias dos últimos moradores do mosteiro, a familia dun rico emigrante que fixo cartos nas colonias portuguesas ata a súa independencia. Na outra, a Escola dos Xesuítas, que logo se utilizou como prisión franquista durante a Guerra Civil e na que os seus muros son tristes vestixios do terror e a angustia que sufriron os republicanos presos alí.

No exterior do complexo, pero aínda no interior dos muros do mosteiro, atópase a parte máis antiga, a do século XII e XIII. Alí é onde se pode apreciar, cara ao sur, a ornamentación románica da fachada da igrexa, compacta, sen ornamentación. Un exemplo da austeridade que predicaban os monxes reformadores do Císter.

E que deixaron os monxes?

Os 700 anos da vida monacal en Oia deron para moito, tanto, que transformaron para sempre a paisaxe agraria e forestal da comarca. Os monxes dedicáronse á cría do gando cabalar, e que deu orixe aos famosos curros, como o que aínda hoxe se celebra en Mougás. Tamén practicaron o cultivo da vide, que derivou nos exquisitos caldos que podemos degustar hoxe en día na comarca do Miño. Foron uns excelentes agricultores e fundaron numerosas granxas por toda a contorna. A eles se debe a introdución dos produtos alimentarios procedentes de América como o millo, a pataca, o pemento ou o tomate.

Outra das grandes funcións dos monxes era ser a de gardiáns das fronteiras costeiras do sur do Reino de Galicia e manter as baterías militares defensoras da costa. Por iso, tiñan preferencia para entrar neste mosteiro os monxes que tivesen un pasado militar e coñecesen o uso das armas de fogo. Non é de estrañar que foran coñecidos como os “monxes guerreiros”. “Unha destas famosas batallas que libraron os monxes serviu para que recibiran, por parte da monarquía española, o título de Real e Imperial Mosteiro de Oia”, lembra Juan.

Un dos refectorios do mosteiro de Oia / X.S.

As súas fabulosas historias

Precisamente, un destes episodios militares que relata o impulsor do proxecto turístico do mosteiro tivo lugar en 1625. Tres embarcacións cristiás, dúas portuguesas e outra francesa foron perseguidas e atacadas por piratas turcos. As naves víronse obrigadas a refuxiarse na pequena baía de Oia.

Os monxes e unha batería de soldados que habitaba no mosteiro, debido ao seu recoñecemento das armas, rexeitaron o ataque. A lenda lembra o combate heroico dun moxe que fora capitán nos Terzos de Flandes, Frei Anselmo. “Este cargou unha libra de pólvora e disparou berrando: En nome de Santa María do Mar”, lembra Juan. Con este disparo cóntase que afundiu a mellor nave dos mouros. O rei Felipe IV, sabedor desta fazaña, concedería o título de “Real e Imperial” ao mosteiro. Así figura na acta notarial levantada por Lorenzo del Castillo.

Outra lenda relacionada co mosteiro tivo lugar no século XV, cando os Reis Católicos promoveron unha total reforma das ordes e do mosteiro que levou a cabo Frei Martín de Vargas, a través da Congregación de Castela. Os cenobios galegos foron incorporándose gradualmente á reforma, o mosteiro de Oia faríao no ano 1547.

O abade dese momento Gregorio Nieto e o prior Juan Rois ao ter noticias da chegada dos monxes reformadores fuxiron a Portugal “levando todo o pan e o viño do mosteiro e 100 cabezas de gando vacún, ademais de dúas cruces de prata, unha custodia dourada e un cáliz”. O abade fuxido instalouse na Granxa de Silva, pertencente ao mosteiro. Logo dun tempo acudiu a Roma a demandar o seu cargo e tras recuperalo, na viaxe de volta a España, morreu repentinamente.

Claustro gótico do mosteiro de Oia / X.S.

A lenda da Virxe do Mar

Pero quizais sexa a lenda da Virxe do Mar, a gran santa de Oia, a que sexa máis coñecida e a que está máis presente na memoria colectiva dos habitantes de Oia. Conta a tradición que no ano 1581 un can atopou nun cantil coñecido como A Orelluda unha imaxe dunha virxe. “A xente pensaba que fora un milagre pero, probablemente, fose unha das moitas imaxes destruídas durante a fase dura da igrexa anglicana e que chegou por mar a Galicia”, destaca Juan.

A imaxe foi levada e venerada no mosteiro pero, novamente, e como acontecera un século antes, ao pouco tempo o Xeneral de Congregación de Castela decidiu levala ao actual convento de relixiosas cistercienses de Xesús de Salamanca. Para a comunidade de Oia fíxose unha reprodución á que na actualidade se lle rende culto como A Nosa Señora do Mar ou A Nosa Señora do Desterro e sitúase no centro do retablo do altar maior.

Hoxe Oia agarda paseniña e silandeira que a raíña e señora de toda a comarca volva erguerse do seu longo sono de pedra. Non son poucos os que agardan que esperte e que volva mostrarlle ao mundo e, sobre todo, aos galegos, esa rica historia que atesoura.

Vista da parte románica do mosteiro de Oia / X.S.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...