fbpx
Parque do Pasatempo, en Betanzos, o primeiro gran parque temático europeo / mapio.net

Queren recuperar o primeiro gran parque de atraccións de Europa, o Pasatempo de Betanzos

Tempo de lectura: 2 min.

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos proporán á Xunta de Galicia a firma dun convenio tripartito para acometer as obras de rehabilitación do Parque do Pasatempo. Actualmente, esta infraestrutura –orixinalmente de nove hectáreas– situada na cidade de Betanzos, atópase en estado de semi abandono, a pesar de ser o primeiro gran parque temático de Europa. Os últimos temporais provocaron, ademais, a caída dun dos muros de contención do parque.

Esta decisión foi acordada polo presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, e o alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, durante unha reunión no concello. “Aínda que a lexislación vixente establece claramente que a conservación do patrimonio cultural e histórico é competencia da Xunta, a Deputación está disposta a achegar o seu gran de area para salvar o Pasatempo”, sinalou Formoso. “É un esforzo que hai que facer”, apuntou.

O certo é que o parque do Pasatempo foi construído inicialmente en 1893 e rematado en 1914, a instancias do emigrante betanceiro na Arxentina Juan García Naveira. É o antecedente dos grandes parques temáticos e o primeiro deste estilo que se construíu en Europa. De feito, está realizado como un auténtico parque enciclopédico e figuraba nas guías de viaxe da súa época.

Estanque do Retiro, no Parque do Pasatempo de Betanzos / Galipedia

Estilo modernista e romántico

Conta con estatuas, relevos e construcións que buscaban reflectir lugares e feitos de todo o mundo realizados cunha estética entre modernista e romántica que era a que o seu benfeitor quería representar logo das súas numerosas viaxes por todo o mundo.

No parque destaca a avenida dos Emperadores Romanos, con bustos en mármore, e a Avenida dos Álamos, con estatuas de afamados escritores e xardíns labirínticos. Tamén conta con grutas prehistóricas, nas que aínda se conservan as figuras de dous dinosauros e un gran estanque, o do Retiro, cunha insua central. Nos muros do parque hai alusións ás viaxes de Naveira a Exipto, coa recreación dunha pirámide de Queops, á muralla chinesa ou ao canal de Panamá. Tamén contaba cun parque zoolóxico, hoxe desaparecido.

Deterioro e abandono

O parque sufriu unha importante deterioración tras ser convertido en campo de concentración para prisioneiros republicanos despois da Guerra Civil. Na posguerra quedou abandonado e foi obxecto de roubos e actos vandálicos durante anos. Nos anos 40 construíuse unha estrada que atravesaba o parque, deixando a un lado os xardíns e a outro as edificacións do Pasatempo. O xardín foi reconvertido en hortas e depósito de entullos, o que rematou por estragar case definitivamente as estruturas, estatuas e relevos.

Fontes: Turgalicia, Consellería de Cultura, Galipedia

Pode que che interese...