Unha empresa insiste en cobrar 4,4 millóns por destrozar un castro
Promociones San Ciprián S.L. quere cobrar os 4,4 millóns de euros que, segundo esta empresa, custou a paralización dunha promoción inmobiliaria que estaba realizando enriba dun castro, o da Atalaia, en Cervo.
Tras anos de disputas xudiciais, o Tribunal Supremo ditaminou ao seu favor e obriga á Xunta a indemnizar á empresa construtora, responsable da destrución en 2007 de parte dese ben.
Pero, como é posible, que se dea esta situación e que a Xunta teña que indemnizar a esta construtora por danar o patrimonio galego? Para entendelo, cómpre lembrar o momento histórico no que tiveron lugar os feitos, un momento no que o boom urbanístico facía correr os cartos “e permitía medrar a corrupción por todas partes”, segundo apunta Mariña Patrimonio.

Obras no castro da Atalaia, en Cervo, onde unha construtora proxectaba construír unha urbanización / terrarqueos
Boom inmobiliario
Coincidindo con este boom urbanístico, Promociones San Ciprián comezou a comprar fincas para edificar na Atalaia, lugar no que se atopa un xacemento arqueolóxico. Por este motivo e co fin de evitar unha desfeita arqueolóxica, este colectivo informou persoalmente ao promotor sobre a existencia deste ben patrimonial; alén disto, o 29 de setembro de 2005, entregáronse no Servizo de Patrimonio de Lugo uns restos arqueolóxicos atopados no castro da Atalaia ao tempo que se rexistraba un escrito no que se advertía sobre a compra de terreos para edificar nesta zona, polo que se solicitaba a protección do xacemento.
Por outro lado, como consecuencia das obras que o Concello de Cervo estaba a realizar na Atalaia para a construción dun observatorio de aves, os arqueólogos do Servizo de Lugo constatan o 9 de agosto de 2006 a existencia na zona dun xacemento galaico-romano. Por iso se ordenou a súa paralización a pesar de que tiña as licenzas pertinentes concedidas polo concello.

Castro da Atalaia, en San Cibrao, destrozado por unha urbanización / vieiros
A empresa levou o asunto aos tribunais e gañou. A sentenza ditamina o abono a Promociones San Ciprián S.L. dunha indemnización pola redución do aproveitamento patrimonializado nas licenzas outorgadas o 1 de decembro de 2006 e o 18 de abril de 2007, así como ao reintegro dos gastos satisfeitos polos proxectos, licenzas e promoción inmobiliaria, cantidades que se concretarán en trámite de execución de sentenza. Segundo a propia sentenza, cantidades que se incrementarán co interese legal desde a data de presentación da reclamación en sede administrativa até o seu completo pago.
A Xunta aínda non sabe canto vai pagar
Por iso, o BNG preguntou en Sede Parlamentaria se a Xunta ten calculado o importe das indemnizacións que terá que aboar á promotora San Ciprián S.L. despois da sentenza, tamén polos efectos que terá sobre o rozamento de gasto da Dirección Xeral de Patrimonio e se a promotora pode, ademais, solicitar tamén indemnizacións ao Concello de Cervo.
A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, considerou “imposible” ter unha estimación da cantidade que haberá de aboar á Xunta e que a empresa cifra en 4,4 millóns de euros. Segundo a sentenza, será un arquitecto designado xudicialmente quen se encargue da peritaxe.
Martínez Ínsua insistiu en que se trata dun castro inventariado pola Xunta en Cervo (Lugo), cuxo concello concedeu licenza para levantar tres edificios a pesar de ter “coñecemento” da súa existencia.