A Valedora do Pobo vincula directamente a destrución de moitos bens con intereses urbanísticos
Por que se destrúen tantos bens e a maior parte deles quedan impunes? Historia de Galicia xa ten falado de numerosos casos de castros, mámoas ou petróglifos destrozados pola man do home por fins concretos. Pero, agora, é a Valedora do Pobo, Milagros Otero, quen apunta xa directamente a intereses urbanísticos.
“Hai mostras constantes da falta de sensibilidade de moitos concellos para preservar o seu patrimonio cultural, ligada en moitos casos a intereses urbanísticos”, apuntou este luns durante a presentación da Memoria do Valedor de 2016.

Escavacións no castro de Punta Lagosteira, un dos máis antigos de Galicia, antes de ser esnaquizado polas obras do porto exterior da Coruña / manuelgago.org/blog
“Xa o ano pasado insistimos en que se comproba aínda unha clara desidia para protexer o patrimonio cultural no ámbito municipal, que tolera construcións inacabadas, fóra de ordenación, apartadas da tipoloxía construtiva propia da contorna ou con elementos contrarios a un mínimo sentido estético nas proximidades de bens de interese cultural ou de bens catalogados”, remarcou.
Non se usa como “instrumento de cohesión social”
E non só critica aos concellos, tamén apunta directamente á Administración autonómica como causante desta situación por mostrar, di, “lentitude ou pasividade para impedir a destrución da memoria e da historia de moitos lugares”.
“Non parece esaxerado dicir que o patrimonio cultural de Galicia non é concibido neste momento, salvo excepcións contadas, como un instrumento de cohesión social e de desenvolvemento sustentable”, remata.