fbpx
Muralla Romana de Lugo / panoramio.com

Buscan arqueólogos para diversos proxectos por valor de 224.000€ en Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Lugo vén de solicitar un obradoiro de emprego sobre arqueoloxía para favorecer a inserción laboral e impulsar o Vello Cárcere.

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciou este martes que o Concello pediu este obradoiro, o TIC-Arqueolóxico, co obxectivo de investir preto de 224.000 para a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo, facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, encamiñada a acadar coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no recén inaugurado Vello Cárcere, centro que conta precisamente cun espazo dedicado á arqueoloxía. Unha formación que estará a cargo de profesionais da arqueoloxía contratados para o efecto.

O TIC-Arqueolóxico é unha iniciativa máis impulsada por este goberno para fomentar a creación de emprego, que se xunta aos 2,6 millóns de euros que investiu nos últimos meses, entre o Inicia CoWorking, Mellora Lugo, os cursos AFDS, EmpregaTIC e o (Con) trato feito! Ademais, amosou a aposta do Concello por impulsar políticas de emprego de calidade, e de facelo ademais en nichos de emprego como son os produtos e a industria cultural.

O Concello rexistrou o luns a petición do TIC-Arqueolóxico, un obradoiro que dá continuidade e supón un valor engadido aos cinco últimos talleres que lle financiou a Administración Autonómica á entidade local (A Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs, Urbs Lvcvs, Cultur@ Lvcvs, que tivo unha inserción laboral do 40%, e o último, que vén de rematar o pasado 31 de marzo, o EmpregaTIC).

Todos eles relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación no patrimonio do que é titular o Concello. Ao rematar todos os participantes recibirán un certificado de profesionalidade nivel 3 nunha das súas distintas especialidades, Dinamización, Programación e desenvolvemento de accións culturais, ou Produción fotográfica.

9 meses e 3 actuacións principais

Segundo a proposta municipal, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no Vello Cárcere. Entre as actuacións principais que se contemplan nas diferentes especialidades formativas para impartir no obradoiro atópase a dixitalización en 3D de bens mobles e inmobles do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.

O Concello agarda que a Xunta de Galicia manteña a colaboración dos últimos anos con este obradoiro, cuxa candidatura se prevé resolta nuns dous meses. O obradoiro iniciarase previsiblemente en setembro e rematará en xuño.

Pode que che interese...