Como un cárcere cambiou o aspecto da cidade de Lugo
‘Un cárcere, unha porta e un xardín’ é a primeira gran mostra do novo espazo cultural aberto no vello cárcere de Lugo. Unha exposición que, ademais, tenta ilustrar os visitantes sobre a importancia que este edificio tivo ao longo da historia desta cidade.
A través da mostra, todas as persoas visitantes poderán descubrir, grazas a medio cento de fotografías, documentos ou planos antigos dos séculos XIX e XX, e como este emprazamento ampliou o casco urbano e o trazado urbanístico lugués.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, inaugurou este xoves a exposición na que dixo que “é unha oportunidade única” para coñecer a importancia para a historia da cidade que supuxo a apertura do Vello Cárcere, o segundo cárcere modelo no Estado español. Previamente á inauguración da mostra, a Concelleira presentou, no auditorio deste mesmo edifico, o libro Memoria de pés Sem sombra, un poemario dedicado á problemática das persoas refuxiadas, con texto de Curra Figueroa e deseño de Celsa Sánchez.
A mostra, elaborada pola Arquiveira Municipal, María Jesús Saavedra, é un repaso dos grandes momentos históricos deste edificio, unha icona da cidade de Lugo. Entre eles, a exposición destaca a apertura da denominada Porta do Bispo Izquierdo, e a conversión dun espazo de campo no Xardín de Canalejas, logo de García Morato, e despois Xardín do Cárcere, e xurdiron ao lado o Mercado dos Cacharros e o Campo da Feira.
Horarios da exposición
Un cárcere, unha porta e un xardín permanecerá aberta na planta baixa do Vello Cárcere no seu horario habitual: os luns, de 11:00 a 14:00 horas; martes e mércores, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas; xoves e venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 23:00; os sábados, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 22:30; e os domingos, de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas. A entrada é de balde.