Novos pasos para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade
Xunta, as Deputacións de Lugo e Ourense e varios concellos levan meses loitando para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. E este mércores o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deu un paso máis nese camiño ao anunciar no Parlamento galego que a Xunta de Galicia ten previsto incoar o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra ao longo deste verán.
Un procedemento administrativo que cualificou como moi complexo, tanto pola súa amplitude –afecta a arredor de 20 concellos–, como desde o punto de vista técnico, xa que debe servir como base para competir a nivel nacional e internacional pola consideración como patrimonio mundial outorgada pola UNESCO.

Paisaxe do Miño na Ribeira Sacra / galiciaunica.es
Así mesmo, o conselleiro agradeceu todas as declaracións de apoio á Ribeira Sacra e tamén o interese por dar un novo pulo aos traballos que se están a realizar desde a Consellería e apelou ao entendemento para dispor do tempo necesario para elaborar un expediente BIC que sexa “impecable no aspecto técnico” para que a candidatura da Ribeira Sacra poida “competir” con garantías perante a UNESCO.
Na súa intervención en sede parlamentaria, Román Rodríguez lembrou que desde o momento no que a Xunta recibiu a documentación de base para a candidatura da Ribeira Sacra –un amplo labor técnico coordinado polo Valedor canda as Deputacións de Ourense e Lugo–, desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estase a traballar naquelas partes do expediente de declaración que é preciso presentar ante o Centro de Patrimonio Mundial.
En concreto, falou de cinco liñas de traballo que se corresponden coa definición do Valor Universal Excepcional da Ribeira Sacra, a delimitación do territorio, os estudos comparativos das paisaxes culturais declaradas pola UNESCO que presentan un valor similar e poderían impedir a inclusión da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial, a elaboración da planimetría e as liñas mestras do plan de xestión.