fbpx
A diosa Minerva nun fresco da USC

O intrusismo e a explotación laboral dos profesionais da Historia e da Arte, a debate

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Profesional Española de Historiadores del Arte (Aproha) impulsou a realización dunha xornada reivindicativa dos e das profesionais da Historia da Arte, con motivo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios promovido polo ICOMOS. Unhas xornadas nas que se abordará a súa situación e as súas principais problemáticas.

A Sección de Historia da Arte (Sehag) do Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía, en Letras e en Ciencias de Galicia (CDLG) en colaboración co Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (USC) secundan a convocatoria e acollen o evento en Galicia.

O colectivo profesional da Historia da Arte quere dar a coñecer á sociedade a preocupante situación que presenta a salvagarda e difusión do patrimonio histórico-artístico no noso país. Entre estes problemas están a súa inadecuada regulación e a inexistencia de controis sobre a calidade e profesionalización das actividades realizadas arredor dos bens culturais que o conforman, caracterizadas polo intrusismo profesional, a explotación laboral ou a banalización dos contidos difundidos.

Restauración dun escudo por parte da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia / linkedin

Sen normativa

Nun comunicado, a Sehag sinala que a situación é especialmente preocupante porque non existe ningunha normativa que regule a actividade dos historiadores da arte e a súa relación cos bens culturais obxecto de estudo, como sucede con profesionais de sectores afíns coma a arqueoloxía ou o turismo.

A Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galicia -para a cal a Sehag presentou varias alegacións que non se tiveron en consideración- pasou por alto estas cuestións e o Decreto 73/2015 polo que se regula a profesión de guía de turismo en Galicia e excluía os profesionais da historia da arte da posibilidade de acadar a habilitación, o que supón un agravio comparativo a nivel nacional dado que noutras comunidades autónomas como Andalucía, cando menos, existe a opción da validación administrativa directa.

A xornada vén precedida da campaña”Autoexplícate un Monumento” nas redes sociais cos cancelos #sonhistoriadordaarte #soyhistoriadordelarte. Mediante esta, Aproha e Sehag convidan a realizar “selfies” ou vídeos cun cartel reivindicativo diante dun monumento. Os carteis, tanto para historiadores/as como para persoas queiran apoiar a convocatoria, poden ser descargados na páxina web do CDLG. As actividades programadas durante a xornada son de asistencia libre e de balde.

Pode que che interese...