fbpx
Destrucción dos parapetos do Castro da Croa, en Ponteareas / http://ponteareashistoriaviva.blogspot.com.es

6.000 euros de multa por destrozar o parapeto dun castro que o Concello de Ponteareas non quere pagar

Tempo de lectura: 2 min.

Xa transcorreron 3 anos e medio desde que a denuncia da asociación ecoloxista ADENCO, en setembro de 2013, motivara a sanción de 6.000 euros ao Concello de Ponteareas polos danos ocasionados ao Castro da Croa. Pero, a pesar do tempo transcorrido, o caso segue sen pecharse. E, agora, a Valedora do Pobo acaba de reabrir o expediente.

ADENCO acaba de recibir a comunicación da Valedora do Pobo en relación aos feitos que ocasionaron a destrución dun dos parapetos do xacemento arqueolóxico. A Valedora urxe ás administracións á resolución do expediente e o cumprimento da resolución recaída no seu día.

A acción do Grupo Ecoloxista motivou a imposición dunha sanción de 6.000 euros ao Concello de Ponteareas. A infracción administrativa veu motivada pola realización dun corte do foxo do castro pola parte norte do xacemento debido á construción da senda fluvial, sen contar coa previa e preceptiva autorización da Dirección Xeral. A resolución feita por Patrimonio notificoulle tamén ao Concello ponteareán a obriga de restituír as cousas ao seu estado.

En vermello, alteracións e destrucións no Castro da Croa polas obras da senda fluvial / http://ponteareashistoriaviva.blogspot.com.es/

Sanción recorrida

Non obstante, esta sanción foi recorrida e ata o momento non se ten resolto por parte da Administración. Esta lentitude na acción dos organismos públicos pode provocar que a sanción caduque. Esta circunstancia motivou que a Valedora admitise a trámite a queixa e iniciase un expediente co que inicia as actuacións oportunas perante a Consellería de Cultura.

A propia Valedora abrira no seu momento un expediente pola destrución do Castro da Croa que axudou a axilizar o proceso sancionador. Naquel momento a Valedora xa tiña indicado que era de lamentar o longo período de tempo que transcorrera desde a nosa denuncia e a inaceptable desidia de determinadas administracións cara á protección do patrimonio arqueolóxico de Galicia.

A importancia do ben patrimonial Castro da Croa

O Castro da Croa é un elemento patrimonial arqueolóxico de enorme interese catalogado con protección integral. Este elemento patrimonial, localizado no concello de Ponteareas na parroquia de Ribadetea, é un espectacular xacemento, non tanto polo seu recinto habitacional senón pola complexísima sucesión de parapetos e foxos cos que conta.

Pode que che interese...