fbpx
Desfeita provocada por unha platación de eucaliptos no castro da Rilleira, en Barreiros / Ramón Becerra

Unha plantación de eucaliptos arrasa o castro da Rilleira, en Barreiros, por segunda vez

Tempo de lectura: 2 min.

Os eucaliptos non só son xa unha praga incontrolable en Galicia, senón tamén, un perigo para o patrimonio cultural. Non son poucas as veces que podas, tallas ou plantacións desta especie invasora ten provocado graves danos aos bens patrimoniais do país, pero no castro da Rilleira, en Barreiros, as desfeitas foron por partida dobre.

Pezas atopadas por Ramón Becerra tras meter maquinaria pesada no castro da Rilleira, en Barreiros

Este ben castrexo debe de ser un dos poucos que foi arrasado en dúas ocasións debido ao eucalipto. A primeira tivo lugar hai un ano e o feito foi denunciado por Mariña Patrimonio que mesmo presentou un dossier cos danos a máis de 40 xacementos –no que se incluía este caso- que a eurodeputada Lidia Senra presentou en Europa para alertar sobre os perigos desta especie invasora.

Esa primeira plantación afectou unha das partes do castro, pero foi a segunda, a que tivo lugar hai unhas semanas a que, practicamente, arrasou o pouco que quedaba deste ben. Un feito que foi xa denunciado ante o Seprona e a Dirección Xeral de Patrimonio por Ramón Becerra, un activista cultural da Mariña.

Material castrexo remexido

“Neste caso pincharon a madeira vella que había e volveron plantar o castro enteiro, incluíndo croa, foxos e todo”, denuncia en declaracións a HdG. Os madeireiros utilizaron maquinaria pesada que remexeu a terra e provocou que pola zona se ciscaran diversos materias castrexos, entre eles, cerámica e escoura.

Material remexido por unha plantación de eucaliptos no castro da Rilleira, en Barreiros / Ramón Becerra

Non é a primeira vez que os madeireiros utilizan este tipo de maquinarias nos montes, o que ten provocado, xa, numerosas denuncias polas desfeitas que causan no patrimonio cultural e natural. De feito, Becerra lembra que un cemiterio medieval de Santo Estevo do Hermo estivo a piques de desaparecer pola acción destes grandes tractores. “Menos mal que o collemos a tempo evitamos que consumaran a desfeita”, indica.

Nesa ocasión, os responsables da talla aduciron que tiñan permiso de Medio Rural, pero non de Patrimonio, polo que se lle paralizou a actuación. “O problema é que o madeireiro dixo que non sabía que alí había un xacemento cando estaba sinalizado. E, curiosamente, o sinal desapareceu xusto uns días antes”, sinala.

Pode que che interese...