fbpx
Parque do Pasatempo, en Betanzos, o primeiro gran parque temático europeo / mapio.net

Acusan á Xunta de restaurar bens da Igrexa pero non o Pasatempo de Betanzos, o primeiro parque temático de Europa

Tempo de lectura: 2 min.

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, acusou este xoves ao PP e ao goberno galego de “abandonar a súa responsabilidade co Parque do Pasatempo” de Betanzos e priorizar outras actuacións, especialmente, bens eclesiásticos. Por iso, presentou unha iniciativa na Cámara galega para convocar unha mesa de traballo entre Xunta, Deputación da Coruña e concello para recuperar este monumento de máis de 9 hectáreas construído entre 1893 e 1914 por Juan García Naveira. A proposta foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista instou ao PP e ao goberno galego a “explicarlle aos veciños e veciñas de Betanzos por que abandonan este parque cando son a administración con máis recursos”. Criticou a resistencia do goberno galego a asumir a proposta da Deputación de A Coruña pola que eles asumirían o 45 por cento dunha rehabilitación taxada en 1,3 millóns, mentres a Xunta daría outro 45 por cento e o Concello o 10 por cento restante.

Burgo reclamou que a Xunta “asuma a súa responsabilidade” e criticou a dobre vara de medir á hora de protexer o patrimonio galego, xa que “non poñen tantos problemas cando a propietaria é a Igrexa”. Dixo que tan importante é rehabilitar os bens culturais propiedade daquela institución como neste caso, o do Parque do Pasatempo, que naceu por iniciativa privada a finais do século XIX.

Abandono

Estanque do Retiro, no Parque do Pasatempo de Betanzos / Galipedia

Criticou que o PP pretenda responsabilizar ao actual alcalde, no cargo dende 2011, dunha situación derivada do abandono de décadas, acentuado por unha actuación de restauración previa fracasada e que provocou importantes problemas estruturais.

Os socialistas reclamaban así a convocatoria dunha mesa de traballo entre as tres institucións implicadas na proposta de rehabilitación para analizar as fórmulas de colaboración e acadar os compromisos para a “restauración, rehabilitación e posta en valor” do monumento. Tamén solicita “iniciar e concluír no menor tempo posible” o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural.

Monumento singular

Nesta iniciativa lembraba a importancia cultural “dun dos monumentos mais singulares de Galicia e mesmo de España”, concibido a finais do século XIX como parque didáctico, “precursor dos parques temáticos”. Os irmáns Naveira, emigrados á Arxentina, deseñaron un lugar de esparcemento “no que tiñan claro que o mellor é unir ensinanza e lecer”.

Non obstante, esta iniciativa novidosa e única no seu xénero, que figuraba en todas as guías de viaxe do seu tempo, foi abandonada despois da morte de Juan García Naveira. A partir daquel momento comezou unha continua, imparable e tráxica decadencia que hoxe continúa cun avanzado estado de deterioro, que levou á caída dun mural nos últimos temporais.

Pode que che interese...