fbpx
Retablo con ánimas no purgatoiro

A Ánima Soila, a alma que vaga polo Convento dos Ancares

Tempo de lectura: 2 min.

Xa temos falado en HdG, do mosteiro de Santa María de Penamaior, un cenobio fundado no século X e con moita tradición na zona dos Ancares. De feito garda interesantes lendas e tradicións, tamén vinculadas con distintas capelas da zona, que falan de ánimas e tesouros ocultos.

Así, no antigo camiño que comunicaba O Cereixal co Convento érguese unha pequena ermida posta baixo a protección do San Lourenzo (a igrexa mosteiral de Penamaior está posta baixo o padroado de Santa María e San Lourenzo). Cóntase que tres homes andaban a cavar nos montes de Penamaior para botar o pan cando, de súpeto, o ceo encomezou a anubrar, ameazando con treboadas polo que decidiron voltar para a casa. Mais, como empezou a chover, dicidiron buscar acubillo na entrada da capela. Un deles, ao pousar a aixada por riba dunha lousa que había xunto a entrada, escoitou como aquilo soaba a oco, polo que lle dixo aos outros: “Así Deus me salve que eiquí hai un tesouro. Imos cavar”. “Que dis! Estás tolo, non ves que é un lugar sagrado?”, respondeu un dos compañeiros.

Capela de San Lourenzo en Becerreá / Xabier Moure

Despois dunha forte discusión, decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron o camiño para a casa. Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles, preguntoulles en castelán: “Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la capilla de San Lourenzo?”. Eles non dubidaron en facerlle as indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un dos homes dixo: “Xa veredes como vai polo tesouro”. Os outros dixéronlle: “Estate calado que aínda van pensar que estás tolo”. Ao día seguinte voltaron para Penamaior e, ao pasar por diante da ermida, viron como a lousa estaba removida e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.

A Ánima Soila

A tiro de pedra da ermida do San Lourenzo está a Pena da Cruz. Se houbo unha cruz, descoñecémolo, na actualidade non quedan pegadas materiais. Asegúrase que aquí maniféstase a Ánima Soila, quen noite si e noite tamén deambula desde o cemiterio de Penamaior ao cemiterio do Cereixal. En Galicia perdura a crenza de que para cada persoa existe unha alma illada ou soa, que esperta oportunamente ao que durme e ten que cumprir cedo algunha obriga ou emprender algunha viaxe, e basta para isto con rezarlle un Painoso a véspera. Non falla, non obstante, quen diga que non debe rezarse á Ánima Soila porque é o mesmo demo.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...