fbpx
Desfeitas provocadas nun castro pola apertura dunha pista / Unión veciñal de Dodro

Cando esnaquizar un castro é “un gasto para o concello”

Tempo de lectura: 2 min.

A Consellería de Cultura confirmou que o Concello de Dodro incumpriu a Lei de Patrimonio ao realizar unhas obras que danaron o Castro de Imo. Tamén a Valedora do Pobo confirmou estas irregularidades e deulle un tirón das orellas ao concello en varias ocasións por non contestar en tempo e forma as súas peticións de información. E, aínda así, con todas estas evidencias, o rexedor insiste en que non se lle fixo nada ao castro.

A historia e a cronoloxía da destrución deste ben patrimonial xa a se contou en Historia de Galicia e serviu para axilizar este caso. Ao castro de Imo, un poboado castrexo da Idade do Ferro, catalogado e, perfectamente, visible, pasoulle, por desgraza, o que lle acontece a outros moitos xacementos deste país. No seu caso, foi o propio concello o que non tivo reparos en facer unha pista no entorno deste castro que rompeu completamente o conxunto patrimonial e afectou gravemente aos seus parapetos.

Imaxes do asfaltado do castro de Imo, en Dodro / Unidade Veciñal de Dodro

Hai uns días, o alcalde tivo que volver escoitar en boca de Unidade Veciñal de Dodro, o grupo impulsor da denuncia, o que era un segredo a voces; que danou o castro, que ten aberto un expediente sancionador por este motivo e que recoñeza que entorpeceu as investigacións Pero, lonxe diso, o rexedor, o popular Valentín Alfonsín, reiterou no pleno que “non incumpriu a lei” e que a “obra non tivo sobreanchos”, nin “houbo movementos de terras”, nin “se colocaron novas tubaxes”, a pesar de todas as evidencias.

“Gastos para o concello”

Novamente, o rexedor volveu contradicir un informe técnico da consellería e o propio expediente da obra firmado por el. Nese pleno tamén sinalou que o castro “non foi alterado”. “O único que provocou foi darlle gastos ó concello pois houbo que pagar un informe arqueolóxico para demostralo”, insistiu.

Unhas declaracións que contrastan coas denuncias realizadas por este grupo sobre o atraso en proporcionar a información, o incumprimento da Lei de Patrimonio e a apertura dun expediente sancionador por este motivo. E, sobre todo, que chocan directamente co informe da propia consellería e as críticas da Valedora.

Pode que che interese...