Denuncian corruptelas na construción dun campo de tiro olímpico polo medio da Vía XX romana per loca marítima
Outra infraestrutura de ocio e con nula utilidade social podería poñer en serio risco un dos tramos polos que pasa a Vía XX romana per loca marítima. Trátase dun campo de tiro olímpico que se pretende construír en Vilar de Fraga -Soandres-, no Concello da Laracha.
Ademais, esta infraestrutura suporía un gravísimo dano ambiental e paisaxístico, segundo os ecoloxistas, nunha das fragas máis singulares e representativas de toda a comarca. Nela se atopan árbores autóctonas centenarias, cunha riquísima biodiversidade, onde se poden atopar máis de 60 especies catalogadas como de interese especial.
A construción do campo de tiro suporía a súa destrución e a desaparición deste valioso ecosistema que alberga. Ademais, afectaría a varios tramos do Camiño Real que tamén discurre pola Vía XX Romana per loca marítima, ao seu paso polo río Anllóns en dirección Santiago-Brigamtium.

Muro de pedra nun tramo do camiño de Vilar de Fraga por onde pasa un Camiño Real e a per loca marítima / http://unidas.info
Manifestación
Por iso, EQUO Galicia denuncia corruptelas por parte do Concello de Laracha no outorgamento da licenza para este proxecto e convocou xa unha manifestación que terá lugar o vindeiro 28 de maio en Laracha contra a destrución da fraga e dos elementos arqueolóxicos que tamén conserva.
Ademais, pola fraga discorre o río Anllóns que vai a desembocar en Ponteceso na ría de Corme e Laxe. “Existe un alto risco de que acabaría contaminada con milleiros de toneladas de cartuchos e perdigóns de chumbo, algo que inexplicablemente ninguén tivo en conta na avaliación ambiental do proxecto”, apunta esta formación.
Críticas
Dende EQUO Galicia entenden que o feito de que a fraga aínda non estea recoñecida como Espazo Natural de Interese Local está motivado polo desleixo do Concello de Laracha. “Dende o consistorio non se dubidou en outorgar licencia municipal ao Clube de Tiro, en contra do sentir das veciñas e veciños da parroquia, mentres se oculta a existencia do Camiño Real que lle daría unha protección especial automática, e se desafetan terreos en contra do establecido por Lei”, indica nun comunicado.
Ademais do valor ambiental, a fraga de Soandres esconde un grande valor histórico e patrimonial. “Tales despropósitos non poden senón ser o resultado das corruptelas que están detrás deste proxecto, e que están a ser investigadas trala denuncia presentada ante a Fiscalía”, indica.