fbpx
Moeda de temática xacobea do século XII, atopada no xacemento de Adro Vello / Fundación Arousa

Fan unha réplica de 1,2 metros dunha moeda do XII atopada no Grove

Tempo de lectura: < 1 min.

Unha réplica en pedra dunha moeda xacobea do século XII, atopada no xacemento de Adro Vello, lembrará o paso polo municipio do Grove dos restos do Apóstolo cara a Santiago.

A Escola de Cantaría da Deputación está a elaborar esta escultura dun diámetro de 1,20 metros, en granito silvestre galego, que se instalará no xardín do atrio da Igrexa de San Vicente, situada moi preto do xacemento de Adro Vello, cunha lenda na que se dará conta do significado da moeda xacobea, atopada na década dos 80 do século pasado.

A moeda orixinal, de vélaro (mestura de prata e cobre), mostra de perfil o corpo do Apóstolo Santiago en barca xunto a dúas figuras que serían dúas dos seus discípulos que o trouxeron a Galicia. A peza, emitida durante o reinado de Fernando II, conta coa inscrición “S IACOBI” (Sancti Iacobi) e atópase no Museo Diocesano da Catedral de Santiago de Compostela.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo notar o “valor incalculable” do achado do mesmo xeito que fixo o rexedor do Grove, “xa que dá testemuño do percorrido realizado polos restos do Apóstolo” en dirección á capital galega e pon en valor a súa entrada a Galicia a través do mar.

Pode que che interese...