fbpx
Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Muncyt, da Coruña / muncyt.es

Manifestación para denunciar o peche de museos no Día dos Museos

Tempo de lectura: 2 min.

Os traballadores dos museos científicos da Coruña sairán a rúa este xoves para denunciar a situación na que se atopan os museos científicos desta cidade; Casa dos Peixes, Casa das Ciencias e Domus, e que pode pechar as súas portas se non se atopa unha solución coa empresa concesionaria.

Estes museos son de titularidade pública pero a súa apertura, o cobramento da entrada, as visitas guiadas, a organización da programación científica e a atención ao público están privatizadas. A empresa concesionaria, SAMYL, hai tempo que manifestou a súa decisión de continuar coa contrata, que rematou vixencia no 2014. Desde entón a prestación de servizos está prorrogada de xeito provisional porque “o concello licitou o servizo impoñendo sempre as mesmas condicións raquíticas”, segundo os traballadores.

Por iso, a concesionaria anunciou un ERE temporal o que implicaría o peche dos museos e o despido dos traballadores. Un problema que a empresa trasladou ao concello. “A situación é crítica e está moi próxima a desaparición dun traballo que desempeñamos con esforzo e ilusión durante anos”, din os traballadores.

E o certo é que o empresario está dando pasos cara o peche xa que prohibiu organizar visitas guiadas, obradoiros para nenos e calquera outra actividade de apoio educativo, que era o que máis demandan os colexios. “O peche dos museos está moi cerca se o Concello non toma decisións rápido”, din. Por iso, decidiron saír á rúa no Día Internacional dos Museos para tentar levar o seu problema á rúa e buscar solucións.

O concello anuncia medidas

Este martes, os traballadores mantiveron un encontro co concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e a concelleira de Facenda e Administración –que ten competencias en materia de Persoal–, Eugenia Vieito. Un encontro no que o concello adoptou o compromiso de poñer en marcha as medidas precisas, de cara a garantir a continuidade do servizo e o mantemento dos postos de traballo.

Así, o Concello da Coruña informou de que, como primeira medida, adoptou o compromiso de incluír nos pregos unha cláusula que dea seguridade xurídica aos eventuais licitadores, garantindo mecanismos correctores do prezo do contrato no caso de que recaian sentenzas xudiciais firmes con recoñecemento de dereitos salariais dos e das traballadoras non contemplados no momento de determinar o prezo máximo de licitación.

Do mesmo xeito, na reunión, o responsable municipal trasladou a garantía, por parte do Concello, de revisar o prezo do contrato á alza se constan datos acreditados dos que se derive a necesidade de incluír partidas ou cantidades non contempladas nos procedementos anteriores e, igualmente, á protección dos e das traballadoras fronte aos descolgues salariais, dispoñendo nos pregos como condición de execución a obriga do contratista de manter as condicións retributivas durante a vixencia do contrato.

Pode que che interese...