fbpx
Casa do Cabido en Santiago / foto Galipedia

O museo da Casa do Cabido recibiu xa 100.000 visitantes en cinco anos

Tempo de lectura: 2 min.

O Consorcio de Santiago rehabilitou por completo en 2011 o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido, situado na praza das Praterías, unha das principais expresións da arte barroca na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII. O 10 de xaneiro de 2012 abría as súas portas como sede de exposicións temporais promovidas desde o organismo interadministrativo. Esta semana acadouse o visitante número 100.000, logo de cinco anos da apertura do inmoble con uso cultural, cunha media de 20.000 visitantes ao ano.

Durante este período o Consorcio programou unha vintena de exposicións na Casa do Cabido, todas elas vencelladas coa cidade de Santiago. “A nosa intención era, logo da magnífica rehabilitación construtiva dirixida polo noso arquitecto Ángel Panero, dar acubillo a iniciativas artísticas e gráficas de xente da cidade e/ou que expresaban unha mirada singular sobre Compostela, na procura dun relato museográfico propio e plural que atraia por igual a veciños e turistas”, segundo salienta o ente.

Exposicións na Casa do Cabido en Santiago

Destaca en particular Rostros, unha mostra con máis de cen retratos realizados por Carlos Maside a persoeiros coetáneos seus, que plasmou durante os anos 20 e 30 do pasado século; entre eles Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas ou Valle-Inclán.

Baixo o título Raíces de Compostela, no verán do pasado ano exhibíronse pezas do polifacético artista compostelán Camilo Otero, falecido en 2003. Eran na súa maioría esculturas de pequeno formato de fundición en bronce, en moitas ocasións probas de autor e pezas únicas; xunto a esculturas en terracota, madeira, gravados e ata pranchas para gravados.

No ano 2015 tivo unha gran repercusión a exposición de fotografías do compostelán Ramón Sánchez Estalote (1908-2002). Reunía unha selección de imaxes ligadas á peregrinación, á Catedral, ao Mercado de Abastos e distintas estampas de Compostela; así como instantáneas dos oficios da época, como as leiteiras que viñan das vilas próximas ou os feirantes.

E unha das primeiras exposicións que se exhibiron na Casa do Cabido foi Compostela dicitur. A cidade da catedral. Nela recreábase o Santiago do século XIII, a partir de aplicacións interactivas e de reconstrucións virtuais que permitían coñecer o aspecto e a evolución urbana da cidade ou acompañar a un peregrino no seu percorrido pola Compostela medieval. Ademais, dúas pantallas xigantes recreaban o aspecto da catedral románica, tal e como a viron quenes a coñeceron tras a súa consagración, en 1211.

Un paseo pola historia de Compostela

Na actualidade a Casa do Cabido acolle a exposición de fotografías Mirando a cidade. Un paseo pola historia de Compostela, que mostra a evolución urbana da cidade de Santiago, desde a súa orixe ata a actualidade. Son un total de 61 instantáneas de 58 autores e autoras diferentes, integrados na Asociación Cultural Fotoforum Compostela.

O horario da Casa do Cabido é de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas; e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns está pechada ao público.

Pode que che interese...