fbpx
Fotograma do Voo Americano de 1945-46 (Fonte Vidal Encinas, 2015) do suposto campamento romano do Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, entre Cervantes (Galicia) e Balboa (León)

Recuperan parte da Vía XIX que unía Astorga con Lugo e onde está o campamento romano máis alto de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Balboa, no Bierzo, recuperará varios quilómetros da antiga Vía XIX, que unía Astorga con Lugo, e que terá o seu principal punto de referencia no campamento romano máis alto de Galicia descuberto ata o momento e que se atopa entre os concellos de Cervantes (Lugo) e Balboa.

Ao longo da Vía XIX construíronse numerosas paradas militares e na zona hai numerosas explotacións auríferas. Esta ruta primitiva, coñecida nos Ancares como a vía Comeal, será a que restaure o Concello de Balboa. Son uns 12 quilómetros de subida entre a vila do Bierzo e a zona do Portelo, á beira de onde os romanos levantaron o campamento de Cortiña dos Mouros.

Imaxe LIDAR coa esquina suroriental do suposto campamento romano do Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, entre Cervantes (Galicia) e Balboa (León)

No ano 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros foi estudado amplamente por Julio Vidal Encinas en 2015. Tamén Andrés Menéndez Blanco, David González Álvarez e José Manuel Costa García publicaron ese ano unha descrición completa sobre o mesmo. Está situado a 1.294 metros de altitude, nun monte que presenta unha morfoloxía practicamente achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, que actúa como divisorio de augas.

Topónimo Circo

O propio topónimo, O Circo (latín circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais de a un círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada.

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotografías aéreas, LIDAR, etc.) evidencian a existencia dun posible campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeto ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de devasas e camiños arrasáronno na súa totalidade. O divulgador Xabier Moure xa realizou para HdG unha completa reportaxe deste ben.

Pode que che interese...