fbpx
Antiga fábrica de tabacos da Coruña / Íñigo Riobóo

A Vella Tabacalera da Coruña: De edificio ilustrado a centro da xustiza

Tempo de lectura: 8 min.

O 31 de marzo fíxose oficial: A cidade da Coruña xa conta cunha nova sede xudicial para a Audiencia da provincia, e esta atópase nun dos edificios históricos máis representativos da cidade, a antiga fábrica de tabacos da Palloza. O edificio, rehabilitado pola Xunta, acollerá novas funcións xurídicas, como a Fiscalía, Xulgado de Menores, Vixilancia Penitenciaria e as salas da Audiencia, nun edificio histórico que tivo un pasado moi diferente ao que se lle está a dotar para o momento actual, e que, non obstante, grazas á nova función acordada entre o Concello e a Xunta recuperará nova vida despois de décadas de abandono. O edificio, a antiga Tabacalera, remóntase á época da Ilustración e, ao longo dos seus máis de 200 anos de vida, foi, sen dúbida, o corazón do pasado industrial da cidade.

É, por isto, que salvar e rescatar todo o posible foi a obsesión dos arquitectos, Cristóbal Creus e Covadonga Carrasco, que, conscientes da importancia do edificio, trataron de manter toda estrutura que fose viable. Muros, cerramentos, teitos, mais tamén cerchas e perpiaños metálicos; conserváronse os patios, a imaxe exterior neoclásica, a súa fachada ecléctica, escaleiras, azulexos e incluso o reloxo da fachada principal, nunha obra funcional dun excelente resultado. Ademais recuperáronse os restos arqueolóxicos da antiga grada do estaleiro que ocupaba o lugar nos tempos nos que o mar aínda chegaba ao pé da Palloza. Iso si, ao longo da historia recente o edificio xa perdera practicamente todo o seu trazado industrial e só se conservaba, e a duras penas, o propio inmoble. Sen elementos fabrís que expoñer ao público, e cos terreos anexos convertidos nunha urbanización, o edificio rehabilitado consérvase como un recordo material dun pasado industrial sobresaínte.

Vista aérea da fábrica de tabacos da Coruña / Íñigo Mouzo

O edificio determinante da Coruña industrial

O edificio naceu en 1790, en estilo neoclásico, un monumental inmoble articulado por catro patios e tres alturas feito en granito local ao máis puro gusto da época, con grandes panos encalados delimitados por liñas de imposta e vans recercados en secuencias iguais. Pero, non obstante, o certo é que o magno edificio non naceu nesa época como fábrica de tabaco, senón que naceu como parte dun dos cambios máis radicais que sufrirá a cidade durante o reinado de Carlos III e que determinará a futura mudanza cara a contemporaneidade da urbe. Durante séculos os portos do sur peninsular tiveron a exclusiva do comercio coas indias, ata que o interese deste rei por modernizar o Estado fixo que portos como o da cidade fosen dotados de novas concesións. Así ao da Coruña concedéuselle o Servizo de Correos Marítimos coas colonias, para o cal, nesta derradeira década do século XVIII, se construíu o edificio actual.

Non durou moito con esta función, xa que, en época de Carlos IV, reconverteuse en fábrica de tabacos, inaugurándose como tal no ano 1804, sendo desde aquela a maior fábrica de Galicia en tamaño e en traballadores ata a Guerra Civil, pois chegou a contar cunhas 4000 cigarreiras no seu momento de maior expansión. Contaba tamén cun gran número de industrias accesorias, de entre as que destacaba a fábrica de mistos que se situaba nas súas inmediacións, unha das maiores de este tipo do Estado. Ademais, o abeiro da tabacaleira, naceu non só un gran tecido industrial, que tivo a zona do porto da Palloza como o seu centro, senón que ademais modificou a estrutura social da cidade para sempre, xa que naceron ao seu abeiro tanto os sindicatos máis importantes de Galicia do momento, como un tecido obreiro que deu pé a moitos dos movementos políticos que fixeron da Coruña un dos grandes polos do progresismo político español do século XIX. Os libros arden mal de Manuel Rivas ou La Tribuna de Emilia Pardo Bazán recollen a imaxe de aquela Coruña industrial e obreira.

Durante os primeiros anos o mar chegaba ao pé da fábrica de tabacos, que se convertía no gran motor económico da cidade cunha produción que chegaba ás 900.000 libras de tabaco, ou 46 millóns de cigarros anuais. A invasión progresista francesa de 1808 e a guerra pola independencia estatal supuxo o mellor arranque posible para a actividade da fábrica xa que o exército foi historicamente un dos maiores consumidores de tabaco, utilizado daquela como narcótico para as tropas. O consumo callou durante esta época tamén no exército francés quen desde aquela popularizou o tabaco alén dos Pirineos e importou de feito a palabra cigarrette do idioma español.

A fábrica da Coruña adquiriu unha gran importancia xa que o produto, dunha moi boa calidade, estaba feito cunha boa materia prima, importada de La Habana e Buenos Aires, e un moído moi sofisticado para o momento grazas á maquinaria da nova empresa. Desgrazadamente era esta perigosa maquinaria, e mais a excesiva xornada sometida ás traballadoras, maioritariamente mulleres moi novas, as que trouxeron as primeiras folgas á cidade, as maiores a partir de 1831, cando se crearon as primeiras asociacións sindicais de Galicia que marcaron o mapa laboral da cidade desde aquela. Tería o seu centro na Casa das Cigarreiras, primeira sede sindical oficial da cidade en 1916, despois no edificio dos sindicatos, actual edificio de UGT, conservado, desde 1930, na contorna da Palloza.

No ano de 1857, xa se renovara varias veces a tecnoloxía da fábrica, e foi este ano un dos de maior cambio. Pouco despois, no ano de 1886, xa operaban nela unhas 4000 traballadoras. Ao ano seguinte, o de 1887 a compañía pública sufriu a súa primeira privatización, polo déficit que producía no Estado, grazas, na súa maior parte, ao contrabando. Tras a privatización renováronse de novo as instalacións e reducíronse empregos, co que na cidade da Coruña, do mesmo xeito que noutras cidades europeas, a loita das traballadoras tivo como primeira reacción a destrución das propias máquinas.

A partir de esta data reformaranse gran parte dos talleres e dependencias. En 1897 reestrutúrase toda a planta, e foron tales as obras que se tivo que levantar un edificio provisional para poder levalas a cabo. De este momento data a fachada actual. Esta érguese nun estilo ecléctico propio de finais do século XIX, obra de Antonio de Mesa, que pretendía a renovación da imaxe exterior da factoría cunha nova fachada á moda do momento no pano noroeste, que conformaba co cal a praza actual. A estética ecléctica que xa non se baseaba no rigor propio do edificio da ilustración, senón nunha imaxe ornamental propia do século da burguesía, articulada por pilastras corintias, un gran portalón e un remate de espadana que acolle o reloxo que simboliza o uso fabril.

Tras a privatización pasou a mans do Banco de España e despois á Compañía Arrendataria de Tabacos, unha das fábricas de maior diversidade produtiva de España. Aquí producírone Farias, puros feitos con picadura en lugar de folla, un dos de mellor combustión do Estado. Os anos de 1920 trouxeron o maior incendio da factoría, e despois, a propia electrificación da fábrica, a instalación das monumentais chemineas e o peche monumental ou enreixado, do que hoxe só se conserva a súa fronte. A Guerra Civil trouxo un novo incremento do consumo de tabaco, pero foi na posguerra cando as dificultades de abastecemento fixeron descender a calidade e o volume da produción, e sumáronse á grave crise na que a ditadura sumiu a cidade. Durante as primeiras dúas décadas do Franquismo, coma outros moitos produtos, o tabaco era un ben racionado.

Edificio da antiga tabacalera da Coruña restaurado / Íñigo Mouzo

En 1945 renacionalizouse a fábrica na Compañía Tabacalera e en 1953 desaparecen as restricións ao consumo, pois hai importantes inversións dos mercados estranxeiros en folla e maquinaria. En 1957 nacerá a marca Celtas, de gran éxito entre as clases populares, e na cidade fabricáronse ademais Farias e Ducados, o que se consideraba tabacos fortes. Na década de 1960, co aumento en España do turismo, o consumo volve medrar, e na fábrica da Coruña sucédense novas inversións. Todo foi vento en popa na factoría, paradoxalmente, ata a chegada da democracia.

Na década de 1980 o contexto nacional cambiará, a entrada na CEE terá consecuencias, non tanto na reconversión industrial, senón na desaparición do monopolio tabaqueiro e con el a entrada masiva de marcas de orixe americana. Con elas cambiaron tamén os hábitos de consumo e a preferencia, o contrario que medio século atrás, do tabaco rubio e dos cigarros suaves. A estocada final á industria produciuse durante o goberno de José María Aznar quen en 1998 privatiza de novo a empresa Tabacalera, absorbida pola francesa Seita que dá lugar á multinacional Altaldis. Esta modernizará de novo a compañía pechando a factoría coruñesa no ano 2002. Desde aquela o edificio da Palloza ficou abandonado.

A pugna entre o Concello e a Xunta

Desde o ano 2002 o edificio foi máis ben un estorbo para o Concello da Coruña, pois era o titular da vella factoría. Para daquela o edificio xa sufrira unha grande cantidade de transformacións e era xa máis ben escaso o patrimonio industrial decimonónico que se conservaba entre os seus enreixados. O edificio ficou en estado de abandono e durante tres lustros foi saqueado a conciencia. Durante o mandato de Francisco Vázquez o propio edificio non tivo un valor maior que o que o dos seus propios solares, e, aínda que o edificio neoclásico se inventariou, para o resto das súas instalacións redactaríase un plan parcial de urbanización, e creouse vivenda de protección oficial, vivenda libre, prazas e máis un aparcadoiro subterráneo. Á beira do centro comercial El Corte Inglés os popularmente chamados terreos da Tabacalera convertéronse nunha das máis desexadas parcelas da cidade e deron pé a unha operación urbanística que se estendería durante as últimas dúas décadas.

A rehabilitación do edificio histórico da Palloza sería o colofón desa operación urbanística que aínda hoxe segue en construción. Porén, o seu uso nunca estivo de todo claro para a corporación, e na época de Javier Losada o edificio non tivo unha mellor acollida que no de Francisco Vázquez. Por aquela os rexedores socialistas da Coruña demandaban da Xunta popular de Feijóo unha ampliación das saturadas sedes xudiciais da Coruña sen obter resposta desta. Así durante o goberno de Losada a cidadanía asistiu a unha gran pugna entre o alcalde e o Conselleiro Alfonso Rueda quen, sabendo da carestía de solo público na cidade, reclamou ao consistorio terreo para a construción do novo edificio de xustiza. Nun estraño xiro dos acontecementos o rexedor coruñés ofreceulle ao goberno galego a antiga fábrica da Palloza, para quitarse de enriba o peso de rehabilitala e dotar o goberno galego dun edificio para unha nova sede dos tribunais provinciais.

Vella tabacaleira da Coruña. Un dos edificios da ilustración da cidade / Íñigo Mouzo

Durante os anos seguintes a pugna continuou, xa que a Xunta reclamou, primeiro, a non idoneidade deste edificio para a función, despois, que a cidade cedese plenamente o edificio en lugar de recibilo, como propoñía o Concello, en concesión por 75 anos. Non obstante estes problemas quedaron resoltos cando Carlos Negreira do Partido Popular accedeu á alcaldía, e o goberno de Alberto Núñez Feijóo aceptou a rehabilitación do inmoble. Así, no ano 2013 comezaron as obras, que a Xunta pretendía que estivesen rematadas no ano 2015, a tempo para as novas eleccións locais. Porén a demora nos traballos e as especiais necesidades dun edificio histórico impediron que este se rematase ata o pasado marzo.

Así, o novo pazo de xustiza da Coruña é a obra de rehabilitación máis importante levada a cabo pola Xunta de Galicia, a de máis metros cadrados, e un dos escasos edificios administrativos recuperados dun edificio histórico da administración autonómica desde a década de 1980. Polo xeral os edificios de Xustiza nas grandes cidades de Galicia, ou ben fican nas súas sedes decimonónicas, ou ben están feitos de nova construción. En Vigo para o novo edificio reutilizárase o antigo Hospital Xeral, unha torre deseñada na década de 1980. Na Coruña o antigo pazo da xustiza foi convertido no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mentres que os xulgados localizáronse desde os anos noventa nun extraordinario edificio de nova planta do arquitecto Xosé Bar Boo, na contorna da avenida de Alfonso Molina, nun dos edificios que xa forman parte da historia da arquitectura contemporánea galega. Ata este momento a Audiencia Provincial da Coruña atopábase nun edificio de escaso valor arquitectónico á beira dos xulgados do histórico arquitecto.

Así, A Coruña, volve converterse na principal cidade xudicial de Galicia. Coa rehabilitación do edificio da Tabacalera da Coruña a cidade gañará 18.ooo metros cadrados de superficie xudicial e 3.ooo máis que serán para usos múltiples do Concello. Con el, ademais de desaturar os edificios actuais, poderá liberar os espazos dos Xulgados do Contencioso e Mercantil localizados no edificio Proa de Matogrande, polo que se aforra medio millón de euros anuais. A inauguración produciuse de xeito solemne coa presenza de Carlos Lesmes, presidente do Tribunal Supremo e o Fiscal Xeral do Estado, José Manuel Maza, ademais de representacións da Xunta e do Concello. A día de hoxe xa se comezou o traslado da antiga Audiencia Provincial ao novo edificio da Palloza, que durará varios meses.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...