fbpx
Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

A Xunta baralla expropiar edificios en ruínas para rehabilitar centros históricos

Tempo de lectura: 2 min.

A Xunta traballa xa na elaboración da primeira lei galega de rehabilitación, unha normativa orientada á rexeneración e a dinamización do territorio que permitirá que se expropien edificios abandonados para rehabilitar e revitalizar os centros históricos de vilas e cidades galegas.

Estas expropiacións poderían efectuarse para acometer a rehabilitación de inmobles, de modo que non se free o proceso de “rexeneración” previsto. Outra “novidade” do texto é o desenvolvemento de normas de aplicación directa por parte da Xunta para actuar en núcleos históricos, cando non exista un plan especial do propio municipio, e a súa finalidade é “axilizar” as reformas en cuestións secundarias ou de accesibilidade.

Centro histórico de Mondoñedo

Así o anunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo que concretou que entre os obxectivos da lei está mellorar a “coordinación” entre administracións, garantir cualificación técnica nas intervencións, suprimir trabas burocráticas para levar a cabo unha rehabilitación e xerar actividade económica e emprego.

“Recuperar” nucleos degradados

Co obxectivo en mente de “impulsar a recuperación” dos núcleos degradados, para facelos “focos de dinamización económica e social“, deu conta de que a lei diferenciará a rehabilitación de edificios –incluíndo a urbanización dos espazos públicos– e a rexeneración urbana, que podería incluír mesmo novas construcións.

Neste sentido, a normativa busca superar a “barreira administrativa” e a barreira “financeira”. Así, incluirá axudas directas e tamén incentivos indirectos, como desgravacións fiscais, para quen invista en rehabilitar inmobles. “Estamos dispostos a axudar”, prometeu. E o certo é que o obxectivo non é só mellorar os centros históricos e as vivendas, senón tamén conseguir que sexan zonas interesantes para vivir e para levar a cabo actividades económicas.

Pode que che interese...