fbpx
Pico da Frouxeira, en Foz, onde estivo o último castelo de Pardo de Cela antes de ser derribado na doma e castración do Reino de Galicia / rinconesdelamarina.blogspot.com

Denuncian unha desfeita no Castelo da Frouxeira, o último que resistiu á doma e castración do Reino de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

“Desfixeron o camiño tradicional, racháronse pedras dos muros exteriores, fozouse na croa do castelo con maquinaria pesada. É unha animalada”. Deste xeito tan gráfico describiron uns lectores deste portal de historia a situación na que quedou o Castelo da Frouxeira, a última fortaleza na que resistiu o mariscal Pardo de Cela a un periodo que se deu en chamara a “doma e castración do Reino de Galicia”.

Unha denuncia que vén acompañada, ademais, de material gráfico no que, supostamente, se poden ver os movementos de terra e as marcas que deixaron no monumento a maquinaria pesada que estivo traballando alí.

Destrozos causados na porta de entrada do Castelo da Frouxeira coa construción dunha pista

Estas obras, segundo puido saber Historia de Galicia, foron realizadas polo Concello de Foz, que é onde se atopa este castelo, e que tiveron como obxectivo “desbrozar e adecentar” o entorno. Así o confirma a esta web o rexedor deste municipio, o popular Javier Castiñeira, que insiste en que o que alí houbo foron “labores de desbroce e limpeza para que non nazan as silveiras”. “Despexouse moito a zona que estaba desaparecida entre a maleza”, indica.

“Aquí non se tocou o monumento. Mellorouse o acceso para que entre todo tipo de persoas e para que os nenos non teñan que escalar. Ata o de agora aquilo era un punto de escalada, con puntos de anclaxe e todo. E ninguén dixo nada antes”, quéixase o rexedor.

Así, Castiñeira suliña que o importante “é que quede claro é que se fai para mellorar o presente e poñer en valor a fortificación e que os pícaros coñezan o seu patrimonio e non ser un escalador para acceder a el”. De feito, e logo da súa “posta en valor”, o concello organizou unha visita de escolares de Primaria de todo Foz para que coñezan “un dos lugares máis importantes de Galicia” e desde o que hai unhas “vistas incríbles” da ría e do val. Alí fixeron, ademais, unha recreación histórica.

“O castelo da Frouxeira ten unha aúrea fabulosa”, apunta o alcalde que censura a aqueles que o critican por tentar “poñer en valor” o ben. “Nós só fixemos labores de mantemento porque non podemos deixar todo abandonado”, suliña. “Xa hai 15 anos tamén se fixo unha impeza na que se utilizaron palas e ninguén dixo nada”, engade.

Patrimonio non deu permiso

Con todo, o impacto sobre o castelo é ben visible. Preguntado o rexedor se houbo permiso de Patrimonio para facer iso, destaca que “houbo consentemento mutuo porque nós puxemos en valor todo isto”. Non obstante, a Dirección Xeral de Patrimonio asegurou a este portal que non deu ningún permiso para realizar esas obras. “Coñecemos o que alí pasou porque tamén nos fixeron chegar fotografías pero nós non autorizamos nada”, indican fontes consultadas.

Polo momento non hai ningún expediente administrativo aberto porque, segundo Patrimonio, non houbo unha denuncia do acontecido. “A nós só nos informaron, pero non denunciaron”, aclaran. Pola súa banda, o alcalde de Foz deféndese; “a xente está contentísima e nunca subiron tantos veciños alá arriba como agora… O que quixemos é poñelo en valor”, insiste.

Vista das escavacións realizadas con maquinaria pesada na croa do castelo da Frouxeira

O castelo da Frouxeira

O castelo da Frouxeira é unha fortificación situada na parroquia de Santa Cilla do Valadouro, no pico da Frouxeira, a case cincocentos metros sobre o nivel do mar. Actualmente só se conservan algunhas ruínas do mesmo, aínda que está declarado Ben de Interese Cultural.

Pero a súa sona débese a que foi o último dos grandes castelos que se enfrontou as tropas de Castela enviadas polos reis católicos para derrotar a Pero Pardo de Cela, o último dos grandes nobres galegos que desobeceu á coroa castelá.

Neste castelo, desde principios do 1481 e ata case a súa morte, en decembro do 1483, Pero Pardo defendeuse bravamente contra as tropas dos Reis Católicos, capitaneadas por Luis de Mudarra e comandadas por Fernando de Acuña, quen dixo ao ano e medio de estar en Galicia que “harto tenía que hacer porque tenía cercado a Pedro Pardo en Peña Frouseira”. Sábese ademais, por testemuño de Luis de Mudarra, que morreu moita xente no cerco.

E o certo é que A Frouxeira, pola súa situación xeográfica, era practicamente inexpugnable. Por iso, as tropas castelás urdiron unha trama de traizón e conseguiron comprar as vontades do traidor Roi Cofano do Valadouro, un dos capitáns do mariscal Pardo de Cela, que lles entregou o castelo por diñeiro. Unha vez traizoada, non deixaron pedra sobre pedra. Con todo, hoxe, na Frouxeira aínda quedan os restos de muros, de alxibes e de camiños, testemuñas mudas dunha hitoria de resistencia.

Pode que che interese...