fbpx
Rosario

Os arresponsadores, os recitadores de oracións que predeciron a Guerra Civil

Tempo de lectura: 3 min.

Os arresponsadores son homes e mulleres que recitan unha serie de oracións ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predín o porvir.

Corría o día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron como, á atardecida, uns “regos de sangue” cruzaban o límpido ceo. A xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual fenómeno.

A resposta deulla un arresponsador de Penamaior: a non tardar, un grave acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas contra a República. Comezaba a Guerra Civil. Os “regos de sangue” foron vistos, cando menos, nas parroquias do Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna).

Onde está o combatente perdido?

Xa coa guerra en marcha, un avó da dona do noso informante caeu ferido na fronte de Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido, a familia recorreu ao arresponsador de Penamaior quen, despois de recitar unha xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou.

Cruceiro de Troña / turismo.gal

Á figura do arresponsador dedicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974). Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez…) e son persoas profundamente relixiosas.

Unha das xaculatorias máis estendidas é a seguinte: “Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo retírase/os pobres van remediados/cónteno os socorridos/dígano os paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para que digamos así/das túas promesas sexamos”.

O arresponsador Xan Troula

Unha noite, alá polos anos sesenta do pasado século XX, un home chamado Xan Troula estaba axeonllado diante da Santa Cruz de Penamaior cando, de súpeto, sufriu a descarga dun raio. Todos os veciños viron como un cordón de lume atravesaba o seu corpo, elevándoo varios metros do chan. Cegados pola luz e enxordecidos polo estrondo, a xente observou como o corpo de Xan caeu na terra mollada, esparexendo polo lugar un forte cheiro a carne queimada.

Xa todos temían o peor cando Xan se ergueu e, cos brazos abertos, deu uns trementes pasos cara aos presentes. Mais axiña volveu caer. Foi entón cando Roque da Eirexe, veciño e parente seu, acudiu no seu auxilio. Crendo que o ía atopar sen vida, alargou os brazos para darlle a volta e, nese intre, Xan abrazouse a el. Desde aquel suceso, o home converteuse nun afamado “arresponsador”.

Un dos casos de máis sona do que foi protagonista ocorreu cando unha viúva acudiu a el para procurar axuda porque un home deixara preñada a unha filla que tiña as súas facultades psíquicas mermadas. Xan díxolle: “Vaite pra casa, farase xustiza”. Aos poucos días, nas faldras do monte Calamouco atoparon un home, tratante de gando que ía cara á feira de Becerreá, pendurando dun carballo, aforcado. Ao seu carón había unha nota manuscrita que dicía: “Deus me perdoe”. Como compensación polo mal padecido, as autoridades entregaron á viúva unha bolsa do tratante chea de cartos.

Pode que che interese...