fbpx
Dron utilizado para cartografiar o territorio / Duvi

Os drones ao servizo do patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

Os drones tamén poden ser elementos de importante valor para a protección do patrimonio. De feito, algunhas entidades xa o están utilizando con esta finalidade. Máis de 25 estudantes de posgrao das tres universidades galegas e da Universidade de Cabo Verde participan desde comezos de xuño no curso de especialización Coastal Dinamics and Environmental Evaluation, inserido no programa de doutoramento de excelencia internacional do Campus do Mar e dirixido a achegalos ás novas tecnoloxías cartográficas que permiten modelizar contornas costeiras.

Tecnoloxías como os vehículos aéreos non tripulados que, dotados de tecnoloxía LiDAR permiten tamén realizar labores cartográficos de espazos como masas forestais. De aí que, a última xornada do curso que dirixe a profesora da EE Forestal Julia Armesto trasladase a súa última sesión aos montes de Pontevedra, co propósito de que tanto os investigadores e investigadoras como o alumnado da escola puidese de coñecer de primeira man o traballo que un multicóptero pode desenvolver neste eido

Vista do Castro de Baroña desde un dron / Youtube

“As costas son contornas naturalmente dinámicas e a capacidade para monitorizalas é esencial para ser capaces de comprender e predicir mellor o impacto que terán futuras obras e actuacións”, salienta Armesto no Duvi. Nese senso, a incorporación de drones aos traballos cartográficos supón, como explica, un “salto cualitativo e cuantitativo fundamental” fronte as técnicas baseadas en imaxes de satélite ou aéreas, grazas á súa “gran precisión” na xeorreferenciación, a súa elevada resolución ou o feito facer posible realizar estas medicións en momentos moi concretos, como por exemplo, antes e despois dunha tormenta.

Nova tecnoloxía

Esta clase práctica en Cotorredondo contou coa colaboración da empresa Aeromedia, pioneira, como sinala Armesto, no uso de drones para a realización de medicións LiDAR en Galicia, que achegou ao alumnado a unha tecnoloxía que recentemente “saltou a barreira do campo de investigación” para chegar ao sector empresarial. Este tipo de drones dotados de tecnoloxía LiDAR, GPS de alta precisión e un sistema inercial “permítennos ver en tempo real como se van tomando os datos”, explica Alejandro Ávila, director da división industrial de Aeromedia e responsable de amosar ao alumnado os procesos de calibración, os compoñentes e sensores e o propio proceso de adquisición de datos desde o aire dun multicóptero-multirrotor Matrice 600 Pro, capaz de despegar e aterrar de xeito vertical. Con capacidade para definir “nubes de puntos xeorreferenciadas” de ata 600 puntos por metro cadrado, esta tecnoloxía susténtase nos “retornos ou ecos” dos raios láser emitidos ao chocar, unha parte, contra as copas das árbores, e outra, contra o solo no que se atopan, como explica Ávila, que estivo acompañado nesta xornada polo director xeral de Aeromedia, Aquilino Abeal, e o seu responsable de produción, Raúl Díaz.

Agora, tocaralle ao alumnado deste curso comprobar o grao de precisión das medicións realizadas, comprando as nubes de puntos xeradas polo multicóptero coa información cartográfica do Instituto Geográfico Nacional, como relata Armesto.

Pode que che interese...