fbpx
Garda Pretoriana saíndo pola muralla de Lugo
A Garda Pretoriana de Lugo sae por unha das portas da antiga muralla romana da cidade / concellodelugo.gal

Os segredos do Lugo romano… A partir do 30 de xuño

Tempo de lectura: 4 min.

Lugo volve abrir as portas da súa Muralla para recordar a súa fundación e o seu pasado romano co Arde Lvcvs. Farao o 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, cunha programación de máis de 300 actividades variadas dirixidas a todos os públicos, entre as organizadas polo Concello e as asociacións, das que máis de 40 son novidosas.

Nesta 16ª edición dos festexos “amósase o potencial do deporte romano, entendido como espírito de superación e loita”, segundo a súa concelleira de Cultura, Carmen Basadre, cunha aposta polo deporte que tamén comparte o Goberno de Lugo. Algunha das actividades deportivas será a andaina polo adarve da Muralla, o venres 30, ás 22:15 horas dende a Praza de Pío XII, onde concurren os tres Bens Mundiais cos que conta Lugo. Constará dunha volta e o camiño irá iluminado por fachos encendidos que portará membros das asociacións. O límite é de 200 persoas, polo que é preciso inscribirse. Así mesmo, o venres ás 23:00 horas, celebrarase na explanada do Pavillón Municipal un torneo de Harpastvm, un deporte entre o fútbol e rugby. O espectáculo é gratuíto pero deberase retirarse invitación en www.entradaslugo.es

Pola súa banda, a rexedora, Lara Méndez, subliñou o retormo económico destes festexos, máis de 12 millóns de euros a pasada edición, fixo fincapé no traballo inmellorable das asociacións. Este ano participan 44, fronte ás 38 da pasada edición. En total son 18 de Lugo: Guardia Pretoriana, Cohors III Lucensium, Cohors X Urbanae, Lucus Equites, Caetra Lucensium, Salesiani Luci Augusti, Vestais de Lucus Augusti, Senatus Lucus Augusti, Asamblearias, Ara Roma, Pax Romana, Civitas Lucenisis, Lugdunum e Son de LLugh, Tin Na N´og, Castronela, Clan de Breogán, Trebas Galaicas e Mercenarios Galaicos.

Loita de gladiadores no Arde Lucus / Xurxo Salgado

Tamén participan do resto de Galicia, como de Xinzo de Limia, do resto de España -Cartagena, León, Ponferrada, Mérida, Navarra, Cantabria, Tarragona ou Baleares, entre outras-, e doutros países europeos como Italia, Portugal e Rumanía. A Alcaldesa tamén agradeceu a forte implicación da sociedade luguesa, dos colexios do municipio e das entidades e empresas colaboradoras. “Grazas ao seu traballo exemplar Lugo volve ás súas orixes do mellor xeito posible”, asegurou Méndez, quen felicitou á Cohors III Lucensium polo seu décimo aniversario, no que rinde homenaxe á muller romana coa súa moeda. Este ano, ademais, o Arde lucus estrea a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional

Resumo da programación

Na programación deste ano mantéñense actividades de gran éxito, como o Circo Romano, que reúne a máis de 6.000 persoas cada edición e cuxas entradas se porán á venda nos vindeiros días en www.entradaslugo.es por un prezo de 3 euros; a loita dos gladiadores Ars Dimicandi, ou diferentes actuaciós teatrais na rúa de todas as compañías da cidade; así como vodas romanas ou castrexas, das que se realizan unhas 300 cada ano.

Por cuarto ano, desfile de tropas romanas e das tribus castrexas pola Ronda da Muralla, o sábado ás 20:30 horas. Máis dun milleiro de persoas desfilando e 44 asociacións diferentes. Este ano como novidade no desfile, instalarase un speaker na Mosqueira que presentará aos persoeiros e colectivos participantes. A entidade local tamén convocou o 3º concurso de escaparatismo e decoración de establecementos.

A representación da entrada das lexións romanas ao mando do xeneral Caio Anistio “O Velllo” pola Ponte Romana, a partir das 20:00 horas do venres, cumpre 4 anos con novidades. Segundo entren pola Ponte Vella, as tropas dirixiranse ás Termas do Balneario. “Queremos que todo aquelo que sexa patrimonio romano histórico e cultural teña relevancia na festa”, asegurou Basadre, quen anunciou que se instalará un altar e se realizará unha ofrenda ás ninfas no propio Balneario. A maiores, centos de actividades encherán cada hora as rúas de animación e como nos últimos anos, haberá un intérprete de signos para moitas delas.

A Concelleira tamén quixo lembrar o desfile polas rúas da cidade dos colexios, que se vén celebrando o domingo. Este ano comezará antes, ás 11:00 horas dende San Marcos. O recorrido será máis longo e participarán 21 centros educativos do municipio.

A Garda Pretoriana desfila polas rúas da antiga Lucus Augusti / Concello de Lugo

En canto ás actividades máis novidodas, un espectáculo de lume purificador, o cobro de impostos, unha Queima da Moemium completamente distinta á dos últimos anos, ou unha obra pedagóxica para os cativos de máis de 3 anos dentro do Miúdo Arde. Ademais haberá unha moeda oficial castrexa, que se presentará esta mesma semana.

O Concello destina preto de 260.000 euros a estas festas, que constitúen un escaparate de Lugo. Ademais, a entidade local repartiu 17.800 carteis e 45.000 programas, 25.000 en galego e o resto en castelán.

Campamentos

Carmen Basadre deulle a benvida a dúas novas asociacións: Ara Roma, que terá o seu campamento na Praza Anxo Fernández Gómez, onde estaba a Castronela, que se traslada a Soto Freire, e Cohors X Urbanae Lucus Augusti, que se instalará na Praza de Santo Domingo. Así mesmo lembrou os emprazamentos dos campamentos das diferentes asociacións. A Castra de Lvcvs Augvsti estará no Carril dos Fornos, o Senatvs Lvcvs Avgvsti na Praza da Constitución, xunto con Pax Romana. As Asamblearias Lvcvs Avgvsti nos Xardíns do Museo Provincial e a Cohors III Lucensium na Praza Maior, onde tamén estarán as Vestais. A Praza de San Marcos acollerá o campamento da Guardia Pretoriana, a Praza Horta do Seminario, os Mercenarios Galaicos, o Cantiño Nemesio Cobreros a Trebas Galacias e a Praza Anxo Fernández Gómez, Castronela.

Descontos para revivir o pasado romano

Este ano volverá haber descontos para os que se acheguen os días previos do Arde Lvcvs a Lugo nos autobuses Alsa, ofrecendo dende dous días antes dos festexos, dende o 28 ata o día 4, un 25% de desconto, e Arriva, os días 30 de xuño, 1 e 2 de xuñlo un 10%; así a promoción de Renfe na páxina web.

Pode que che interese...