fbpx
Ascensor panorámico que se pretende instalar nun parque de Vigo / vigoe.es
Ascensor panorámico que se pretende instalar nun parque de Vigo / vigoe.es

Patrimonio dá luz verde ás sondaxes arqueolóxicas nun parque de Vigo onde se fará un ascensor panorámico

Tempo de lectura: 2 min.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, organismo dependente da Xunta, deu luz verde ao proxecto do Concello de Vigo para as sondaxes arqueolóxicas no parque Camilo José Cela e a rúa Juan Ramón Jiménez –entre Torrecedeira e Pi i Margall–, onde o Concello ten proxectada a construción dun ascensor panorámico, así como a creación dun gran parque infantil.

A resolución sobre este proxecto, que conta co informe favorable dos servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra, foi asinada este martes e contempla condicións como que as sondaxes cheguen en profundidade ata o substrato natural.

Ademais, deberase comunicar á Xefatura Territorial “con suficiente antelación” as datas nas que se iniciará e se concluirá a intervención; e, de aparecer restos arqueolóxicos, deberase informar de inmediato o departamento autonómico para adoptar as medidas correspondentes.

Unha vez que finalice a actuación, deberase presentar nun prazo de 10 días o informe valorativo da intervención; e nun prazo de seis meses a memoria técnica e a copia da acta de depósito emitida polo museo municipal Quiñones de León, onde está previsto depositar os restos arqueolóxicos.

Ascensor panorámico

Un dos elementos estrela da reforma de toda a zona será o ascensor panorámico que conectará Torrecedeira con Pi e Margall dentro do programa “Vigo Vertical“. A infraestrutura, que terá máis de 20 metros de altura, permitirá salvar un desnivel doutros 16, o que obrigaba a moitos viandantes a evitar o paso polo parque. Este ascensor permitirá acceder á rúa Camelias utilizando o elevador xa operativo de Menéndez Pelayo.

A contorna do recinto de recreo de Torrecedeira, na que se sitúan varios colexios, pasará a converterse nun gran parque para os máis pequenos. Ademais, o Concello ten proxectada a supresión do actual muro de pedra e as varandas que obrigan ás persoas que transitan por Pi e Margall a acceder ao recinto soamente por dous carreiros laterais.

Pode que che interese...