fbpx
O castro do castelo de monte, en Mondoñezo, desfeito por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Só se atenderon 22 denuncias contra a industria do eucalipto en 2016 por danos no patrimonio

Tempo de lectura: 2 min.

Desde 2016 ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron 60 denuncias contra a industria forestal por danos a xacementos arqueolóxicos nos labores de talla ou repoboación. Destas 60 denuncias, só 22 obtiveron resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e destes 22 casos, só 2 deron lugar a expedientes sancionadores.

Mámoa do Chao da Moa, en Viveiro, afectada por unha plantación de eucaliptos / Mariña Patrimonio

Segundo apuntan estas entidades, as 20 denuncias restantes arquiváronse por unha suposta non apreciación dos danos ou por falta de protección legal do xacemento, malia a tratarse de elementos patrimoniais pre-inventariados pola consellaría e identificados cun código ou referencia oficial. “O simple recoñecemento da existencia destes bens non tería que ser suficiente para frear as actuacións que provoquen a súa destrución ou alteración?”, pregúntanse.

Tamén denuncian que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a facer unha interpretación “arrevesada” das súas propias normas. Pese a que no Plano Hidrolóxico se prohibe a plantación de especies alóctonas e exóticas invasoras nos 100 primeiros metros a carón dos cursos fluviais, a Confederación só considera necesario aplicar esta norma cando a plantación afecte a vexetación de ribeira. Así, lembran que o caso do Pedregal de Irimia, no nacemento do Miño, inzado de eucaliptos co visto e prace da Confederación, “é especialmente sangrante”.

“Estes datos veñen a demonstrar a falla de vontade política dalgunhas administracións por poñer límites ás plantacións de eucalipto en Galiza. O seu desleixo e inacción fainas cómplices de acontecer unha catástrofe como a de Portugal”, critican.

Pode que che interese...