fbpx
Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube
Pazo de Meirás, un ben privado que acabou nas mans de Franco grazas ás elites coruñesas / Youtube

Todos os partidos da Cámara galega acordan sancionar aos Franco se non abre o Pazo de Meirás

Tempo de lectura: 2 min.

Por fin hai un acordo unánime sobre o Pazo de Meirás. A pesar das reticencias iniciais dos populares, todos os grupos con representación no Parlamento de Galicia acordaron por unanimidade instar á Xunta a que “poña os medios necesarios” para que a familia Franco “cumpra a súa obriga legal” de abrir o Pazo de Meirás ao público como Ben de Interese Cultural (BIC) ou, pola contra, impoña “sancións”.

A iniciativa foi presentada e defendida pola deputada socialista Concepción Burgo, que lembrou que o Pazo de Meirás, declarado BIC desde 2008, debe abrir legalmente ao público, polo menos, durante cadro días ao mes durante todo o ano. Con todo, a socialista lamentou que, desde o inicio, a familia Franco “non fixo outra cousa que pór impedimentos para as visitas”, que nunca tiveron “normalidade”.

Burgo referiuse á negativa da familia a abrir o pazo a visitas durante o mes de agosto, alegando que se atopan veraneando nel durante esa época. Así, explicou que en 2012 a Xunta “dixo que se abría un expediente por incumprimento da lei á familia Franco”, un expediente que o grupo socialista descoñece. “Propomos que esta comisión lle diga á Xunta que faga cumprir a lei e que inclúa o mes de agosto na apertura do Pazo”, apostilou Burgo.

Sancións

Á iniciativa socialista engadiuse ademais unha emenda presentada pola deputada do BNG Olalla Rodil, que pedía a imposición de sancións en caso de non cumprir coa normativa de visitas. A deputada nacionalista, no entanto, decantouse como mellor opción pola “expropiación total” dun ben que cualificou como “espoliado ao pobo“. Na mesma liña, a deputada de En Marea Ángeles Cuña pediu que o pazo “se devolva á cidadanía” e que “se non se pode visitar, polo menos que se sancione”.

Finalmente, a deputada popular Teresa Egerique expresou o apoio do seu grupo á iniciativa alegando que “o que pide é o cumprimento dunha lei”. “Unha lei, ademais, feita polo PP, polo que nós somos os primeiros que queremos que se cumpra”, sentenciou.

Pode que che interese...