fbpx
Recreación da embarcación de tipo micénico do petróglifo Auga dos Cebros, de Oia / Talaso Atlántico

Visita nocturna a un barco de hai 4.000 anos

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Costa dos Castros programa do 14 de xullo ao 15 de setembro unha serie de visitas guiadas gratuítas co obxectivo de dar a coñecer os principais atractivos do patrimonio cultural de Oia e, ao mesmo tempo, dinamizar o turismo na zona.

A campaña de verán deste ano ten como principal novidade deste ano as visitas nocturnas a Auga dos Cebros, un gravado no que aparece unha embarcación mediterránea do segundo milenio antes de Cristo. Ademais de descubrir esta singular representación de arte rupestre de hai 4.000 anos, única en todo o arco atlántico, os visitantes poderán coñecer os resultados das últimas actuacións feitas na contorna.

As visitas desenvolveranse de xoves a domingo ás 12.00 horas e permitirán coñecer diversos enclaves arqueolóxicos e de valor histórico do municipio de Oia. Os xoves e os venres haberá itinerarios guiados no castro e petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados e domingos a ruta será polo barrio do Arrabal, nas proximidades do Mosteiro de Oia.

Petróglifo da Auga dos Cebros / Costa dos Castros

Como complemento a estas actividades diúrnas, nas noites dos venres haberá visitas guiadas aos petróglifos da Cabeciña, mentres que os sábados pola noite a proposta consistirá en descubrir os gravados de Auga dos Cebros á luz das lanternas. Estas actividades nocturnas serán ás 22.30 horas.

As visitas, organizadas por Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra, teñen carácter gratuíto. No caso das nocturnas as prazas son limitadas, polo que cómpre facer a reserva no número de teléfono 689.35.57.13 ou no correo electrónico costadoscastros@gmail.com.

Novas limpezas

No marco das iniciativas que desenvolve a Asociación Costa dos Castros, este ano se realizaron traballos de roza e tala con control arqueolóxico na zona do Viveiro (Pedornes), onde se atopa Auga dos Cebros pero tamén outros petróglifos. Os labores permitiron mellorar a accesibilidade da zona, deixar á vista gravados xa catalogados anteriormente pero que quedaran ocultos pola vexetación, estudar o estado de conservación de todos estes elementos patrimoniais e descubrir outros 9 gravados descoñecidos ata o de agora.

Nas visitas guiadas nocturnas as prazas son limitadas e hai que inscribirse previamente por teléfono ou correo electrónico. No caso de Auga dos Cebros, débese ter en conta que para chegar ao gravado cómpre percorrer a pé un pequeno traxecto de dificultade media.

Pode que che interese...