Cortalumes, camiños e outras agresións no Castro das Goritas, na ría de Arousa
O castro das Goritas, incluído no catalogo de Bens Arqueolóxicos do PXOM do concello de Boiro do ano 2003, con código GA15011005, sufriu agresións na súa contorna por mor dun cortalumes aberto en 2014 no que se empregou maquinaria pesada, tentando sufocar un incendio que se estendía pola zona. Os veciños da parroquia de Santa María do Castro alertaron destas agresións, que a día de hoxe aínda se poden observar nas pendentes do camiño que sobe cerca da zona da súa acrópole.
Nos incendios forestais, debido á urxencia das labores de extinción, non se ten o coidado necesario na zona da área de respecto dos xacementos inventariados por Patrimonio. Isto mesmo ocorreu no castro da Xaiba, tamén chamado Castrogudín, entre os concellos de Vilagarcía e Caldas de Reis, onde a maquinaria cortou no 8 de agosto de 2016 dúas murallas de terra e cachote que conforman as defensas do castro.
O aspecto máis negativo destas intervencións é que, cando estas trincheiras quedan abertas, pasado o tempo son utilizadas por algúns afeccionados ás motos de monte e quads, quizá descoñecedores da importancia histórica do lugar, como itinerarios das súas rutas, tal e como parece ocorrer nos dous casos citados.
O propietario do castro das Goritas, afeccionado á arqueoloxía, púxose en contacto con este portal para denunciar os danos, e alí fomos para saber o que acontecía. Puidemos observar unha boa cantidade de cerámica en superficie e un número considerable de grandes perpiaños e pedras miúdas que se desprenderan ao partir, para o cortalumes, o terraplén da primeira defensa, ampliando así o camiño existente polo sur (no que ademais actualmente se poden ver fondas rodeiras de motos).
Pola configuración do recinto pódese intuír a semellanza coas características propias dunha atalaia ou pequena torre de vixilancia, que tería os seus alicerces nunha pequena e elevada acrópole duns 15 m de diámetro, onde se ven anacos de tellas e están asentados uns grandes perpiaños, moitos deles con sinais de regularización.
Nos planos lidar e de pendentes faise patente a existencia dun espazo aterrazado, situado entre dous terrapléns que configuran un lugar elevado de forma cónica onde podería atoparse a atalaia.
A microtoponimia de “Gorita” fai alusión a este de tipo de construcións erixidas para a vixilancia da contorna, pois dende este lugar a visión é moi ampla por todas asbandas, sobre todo as que dan cara o mar.
O Castro das Goritas no catálogo do PXOM de Boiro (páxina 11 do pdf) .
En patrimoniogalego.net .