fbpx
A Galería das Damas (s. XIX) do Castelo de Soutomaior / Silvia Cernadas Martínez

O retrato que Sorolla pintou de María Vinyals, a “marquesa roja” de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

María Vinyals y Ferrés foi unha muller adiantada ao seu tempo. Naceu no castelo de Soutomaior, en berce nobre e en 1896 casa con Juan Jordán de Urríes, marqués de Ayerbe. Pero a pesar desa vida nobiliaria María Vinyals foi ilustrada e activista social do seu tempo. Feminista e socialista foi coñecida como a “marquesa roja” polas súas ideas esquerdistas. Publicou en 1904 a súa obra El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor, e tivo relación con Emilia Pardo Bazán, María Barbeito e Carmen de Burgos.

Entra a formar parte do Ateneo de Madrid en 1906. Foi fundadora do Centro Ibero-Americano de Cultura Popular Feminina, institución co obxectivo de ensinar a mozas que non tiñan acceso a outro tipo de educación e, en 1909, tralo falecemento do marqués, non tivo reparos en casar co médico cubano Enrique Lluria. Membro do Partido Socialista Obrero Español, estivo afiliada na Agrupación Feminina Socialista de Madrid e escribiu varios artigos en publicacións coma El Imparcial, El Fígaro ou Blanco y Negro. Tratou nos seus escritos a cuestión da importancia da educación da muller coma ferramenta para a rexeneración social, ademais de propugnar a complementariedade do home e a muller na xestión pública.

Vinyals tamén tivo relación cos grandes artistas da época. O afamado pintor valenciano Joaquín Sorolla foi un íntimo amigo do matrimonio Lluria-Vinyals e, como tal, estivo en varias ocasións no Castelo de Soutomaior. Proba desa amizade son os retratos que fixo de Enrique e de María hacia 1910 e que, hoxe en día, están en paradoiro descoñecido. Do de Enrique Lluria coñeciamos unha fotografía posterior e agora temos tamén á nosa disposición a imaxe en branco e negro da magnífica obra que representa a María Vinyals.

Casa Moreno. Arquivo de Arte Español (1893-1953). [Marquesa de Ayerbe]. Instituto do Patrimonio Cultural de España. MECD

María Vinyals foi pintada por dous dos grandes retratistas de finais do século XIX e comezos do XX: José Garnelo Alda e Joaquín Sorolla Bastilla. Ámbolos dous pintores valencianos estaban entre o seu círculo de amizades, ben sexa porque os coñeceu nas súas innumerables reunións sociais ou ben sexa porque coincidiu con eles durante a súa propia traxectoria como pintora. A cuestión é que, mentres o cadro de José Garnelo se conserva hoxe no Museo Garnelo de Montilla (Córdoba), do de Sorolla non sabiamos practicamente nada.

Ángela Comesaña estudou a documentación que custodia o Museo de Pontevedra sobre estes retratos de Sorolla e a través da cal coñecemos que foron feitos cara 1910 en Madrid. Tiñamos algunhas descricións do de María Vinyals e incluso conservamos unha foto a cor do de Enrique Lluria (Imaxe 2), pero agora tamén temos a fotografía en branco e negro do da Marquesa Roxa (Imaxe 1). No medio da miña propia investigación sobre esta muller e a súa obra, descubrín esta imaxe nos fondos dixitalizados do Instituto do Patrimonio Cultural de España. A imaxe coincide coas descricións que coñeciamos do cadro, que falaban dun retrato de María de corpo enteiro e sentada nunha cadeira de tipo curial, e está dedicado ao seu amigo Enrique, ademais de firmado polo propio Sorolla coa data de 1910 no ángulo inferior esquerdo.

Estamos no momento en que o chamado “pintor da luz” é o retratista de moda nos salóns madrileños e se perfecciona na súa arte de afondar na psicoloxía das persoas a través do retrato. Non obstante, diferencia entre o boato dos retratos femininos e a sobriedade e realismo dos masculinos. Estas pinturas de María Vinyals e Enrique Lluria poden ser un bo exemplo desta tendencia, pois do de María destacan a multitude de detalles nas xamúas e a riqueza das súas roupas, mentres que a proximidade e a rigorosidade do retrato masculino nos levan inmediatamente a centrarnos no rostro de Enrique.

Pero na actualidade ambos están perdidos. Bernardino de Pantorba di nunha biografía sobre Sorolla que o cadro de María foi comprado por Rafael de Vargas hacia 1926 e que se perdeu durante a Guerra Civil. Na Fundación Sorolla teñen noticia dunha persoa que o viu hai uns 25 anos e que di que o seu formato actual é ovalado, isto é, que o cadro foi recortado. No caso do retrato de Enrique Lluria, este seguiu pertencendo aos seus descendentes ata os anos oitenta, cando foi vendido ou sacado a poxa e xa lle perdemos a pista.

Retrato

Casa Moreno. Arquivo de Arte Español (1893-1953). [Enrique Lluria]. Arquivo Blanca Pons-Sorol

O único retrato que podemos ver nos nosos días de María Vinyals é o de José Garnelo, onde María aparece acompañada do seu primeiro fillo, Antonio. Este artista sería tamén o encargado de ilustrar o libro El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor, que a daquela Marquesa de Ayerbe publica en 1904. Neste retrato é de salientar a mestría coa que emprega a luz e pinta as vestimentas e as xoias de María. Ademais, tamén se conserva o bosquexo do pintor, de xeito que podemos apreciar todo o traballo previo a comezar a obra definitiva.

A relación de María Vinyals con José Garnelo e con Joaquín Sorolla puido vir xa da Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid de 1890, onde todos eles participaron. María, como discípula da pintora Joaquina Serrano, presentou a obra Un ramo de flores e, na Exposición de 1895, participou cunha obra de temática similar: Flores. O certo é que sabemos moi pouco da faceta pictórica de María Vinyals, xa que non coñecemos ningunha das súas obras e a súa traxectoria debeu ser moi curta no tempo. Seguramente viuse dificultada ao casar e, finalmente, acabouse dedicando ás letras máis que ás artes. En calquera caso, si seguiu ligada ao mundo da pintura a través do seu traballo como xornalista, xa que publicou algunhas críticas e comentarios de arte.

Bibliografía:

Cernadas Martínez, Silvia (en prensa): “Trala pegada das mulleres artistas. María Vinyals e a pintura de finais do século XIX e comezos do XX”, Actas da V Xornada Universitaria Galega en Xénero.

Comesaña Martínez, María Ángela (2001): “Tres cartas de Sorolla y un retrato de María Vinyals”, Museo de Pontevedra, nº 55 (51-57).

 

Escrito por

Silvia Cernadas Martínez, Dpto Historia da Arte, USC

Pode que che interese...