fbpx
Antiga Mina de Corcoesto / Ismael López

Quen foi o gran descubridor das minas romanas de Corcoesto

Tempo de lectura: 6 min.

Lembrando o incendio que se produciu nos montes de Corcoesto a tarde do pasado 24 de xuño, e que afectou unha parte das antigas minas de Corcoesto, sobre todo ás localizadas nos montes de Xabarido e  Sta. Mariña do Remuíño, veunos á memoria a figura de Xan “O Inglés”.

John James Rosewarne ou Xan “O Inglés” parece que celebrou o primeiro de ano do século XX en Corcoesto, realizando labores de investigación e explotación mineira no “Pozo Grande” ou “Pozo do Inglés”, que chegaría a acadar os 90 metros de profundidade, con labores a tres niveis que se estenderían en máis de 600 metros de galerías.

O “Pozo do Inglés” está situado no que hoxe en día se coñece como os montes de Cudeiro ou Cadeiro, e aí traballaría Xan “O Inglés” como enxeñeiro xefe de mina para a compañía Sagasta Gold Mines Limited. Naquela época era a persoa que mellor coñecía as minas de Corcoesto. Vivía coa súa familia na Casa da Mina, en Xabarido, e ao seu redor aínda xira unha manchea de historias difundidas polos descendentes da veciñanza que os tratou, como as lavandeiras do material da mina, as cociñeiras da casa, as festas que se celebraban no lugar de Xabarido na honra de Sta. Bárbara á marxe da igrexa, a voadura con dinamita do Loureiro sagrado da Sta. Mariña do Remuíño -localizado na parte baixa da capela á beira do Anllóns e que coa explosión rematara na outra beira do río-, as diferenzas entre a igrexa e a compañía mineira… etc.

Unha das entradas á antiga mina de ouro de Corcoesto / Ismael López

A bocamina do Pozo do Inglés ou de Cudeiro, hoxe en día chámase “Mina da Ferralla” en referencia ás máquinas empregadas para a extracción do material empregadas naquela época, como os malacates, e que tras o peche da mina ficarían abandonados nas inmediacións do monte.

As minas de Corcoesto foron obxecto da atención de Xan “O Inglés” ao redor da primeira década do século XX. En Corcoesto realizou labores de investigación mineira nas antigas minas de ouro romanas.

O 25 de setembro de 1916 John James Rosewarne comunica a Rivera Chao a obtención dos dereitos mineiros da concesión Emilita e o inicio das obras da mina, que caducaría a Xunta de Galicia aínda o 7 de agosto de 2015 a raíz do conflito mineiro coa multinacional canadiana Edgewater.

“Sr. D. Juan J. Rosewarne:

Moi Sr. meu e amigo. É no meu poder a súa estimada do 19, a que encontro como todas as súas, moi razoable e doulle as grazas pola atención.  Cando estean as obras que han de facer na mina Emilita adiantadas irei velas e terei o gusto de coñecer a Vd. persoalmente”.

Non obstante, os xacementos non eran viables tal e como se recoñece nunha misiva que lle remite por agosto de 1920 o seu amigo e socio de Lugo, Sergio Rivera Chao:

“Na mina de Corcoesto acordouse non facer máis traballos por agora e de momento aproveitar a forza, tal vez nunha fábrica para facer aluminio”.

As minas romanas

Nun primeiro momento pensouse que os labores atribuídos aos romanos fosen calicatas e pequenas cortas que chegarían a acadar os 10 metros de profundidade e algún pozo ata os 20 metros, para explotar de maneira superficial os filóns mineralizados seguindo a dirección dominante N800E; porén, hoxe en día existen serias dúbidas da limitada capacidade romana, e é moi posible que estes despregasen unha minería ampla e agresiva que os conduciría incluso a fixar asentamentos militares ao pé dos numerosos xacementos abertos. Neles empregarían as técnicas habituais romanas máis agresivas como o derrubamento dos montes e o lavado do aluvión, de aí as numerosas canles que aínda se reflicten hoxe en día na toponimia e microtoponimia de Corcoesto, reflexo dunha complicada infraestrutura hidráulica. Así temos os topónimos: Canles, Chousa das Canles, Canle de Sta. Mariña, Canle da Rega, Canle da Mina, Auga Levada, Quente, Dequente (en referencia o sistema para filtrar o material), Montefurado, Picotos (en alusión ás moreas de estéril)…etc.

Non obstante, en abril de 1921 o seu amigo escríbelle de novo nun intento de reabrir a explotación das minas de Corcoesto. Así pregúntalle:

“…agradecerei contésteme ao seguinte:

Canto quere V. por facer cada metro de galería de recoñecemento na mina de Corcoesto? Canto quere V. por arrincar cada tonelada de cuarzo aurífero da mina de Corcoesto? Dígame, a como podo pedir por metro e tonelada para gañar algo, non moito?”.

Antiga mina de Corcoesto / Ismael López

En setembro de 1923 Sergio Rivera volve escribir ao enxeñeiro inglés, que por aquel entón residía en Zas, polo interés que naquel intre había nas minas de Barilongo. O interés de Rivera estaba centrado no mineral das minas dos montes dos Picotos.

“Recibín a súa carta e o orzamento da maquinaria que lle agradezo. Por agora na mina de Corcoesto leva a lista do persoal D. Cayo e non se necesita listero.

Tanto nos traballos romanos como nos que fixeron vostedes, cre V. que non baixen máis os filóns de cuarzo? Rógolle, dígame o seu parecer”.

Xan “O Inglés” responde:

“… (…) non direi que non baixen máis pero todas as indicacións que tivemos indican que non baixan a moita profundidade. O máis profundo que probamos é no pozo 49O que ( ) no pozo da máquina aquí alcánzase a 43 metros pero cada piso máis curto, é dicir que as galerías cada piso máis curtas e o filón máis estreito no fondo do devandito pozo. O filón ten de 15 a 20 cm. pero contén moi pouco aos lados e moi apertado e segundo como deixamos nós non é suficiente para compensar os gastos e máis ben inclina de desaparecer. Soamente parece que de cambiar algo a formación no mesmo fondo, isto era para mellorar ou acabar. Pero disto non fixeron o que eu recomendei. Que baixar ao pozo 10 ou 12 metros máis moita auga non a hai. A máquina que tivemos de 4 1/2  cabalos era suficiente para os cascallos e achicar a auga pois hai varios sitios onde se acaban os filóns por completo. O 41 por exemplo, a certa profundidade se terza así e fixemos unha galería duns trescentos e pico de metros para cruzar outros filóns e ao 41 pero en balde, pero isto pode suceder nesta mina…”.

Hai que dar un salto no tempo, decembro de 1938 para ter noticias de novo da mina de Corcoesto. Así un veciño de Corcoesto, Arturo Valledor, dirixe unha misiva á viúva de Xan “O Inglés”, morto no 1927, para coñecer máis detalles das minas de Corcoesto.

“… Informoume o encargado da mina de aquí, íntimo amigo meu, que se interesase de V. por se posuía algúns datos da devandita mina, pois sería fácil que V. conservase algunhas memorias do seu finado esposo; non importa que estean en inglés, neste caso traduciríanse, ademais augúrame o referido encargado que por iso lle recompensarán a V. pois hai especial interese en coñecer certos detalles que de momento ignora a compañía. Parece que con este obxecto escribíronlle a V. un tal Pedro afillado de Dna. Catalina Thomson, ao parecer é de por aquí; aínda que eu a pesar de facer varias indagacións non puiden acertar quen é ese señor Pedrito. Espero que se V. o coñece participaramo co antes exposto”.

Documentos sobre concesións na mina de Corcoesto

Restos daquela empresa

Aínda hoxe nos montes de Sta. Mariña do Remuíño, en Corcoesto, hai restos dos lavadoiros de material de mina empregados por John James Rosewarne, precisamente nun dos montes dos fillos de Arturo Valledor, veciño de Corcoesto.

Está claro que Xan “O Inglés” marcou unha época na minería en Corcoesto e a súa ausencia non deixou de ser óbice para que distintos empresarios, inversores e xentes interesadas buscaran os seus coñecementos e lle consultaran sobre a riqueza aurífera da parroquia para probar fortuna e vivir o soño do afamado ouro.

Sería tamén o primeiro en  empregar o cianuro de sodio na minería, tal e como lembran as persoas maiores da parroquia, para separar o ouro da arsenopirita. Así dedúcese tamén dunha carta remitida por Sergio Rivera o 8 de outubro de 1923, onde este comenta:

“Das augas para beneficiar os minerais non hai máis que facer algún depósito para que queden alí os lodos, grazas pola advertencia súa. Na galería de Picotos, hai un traballo antigo que cruza a galería; non sei se foi de V. ou anterior, parece vello polo podrecida que está a madeira”.

Cómpre concluír porén, que a súa retirada de Corcoesto significara xa o esgotamento definitivo duns xacementos auríferos que el mesmo consideraba finitos e non viables, por moito que outras persoas aínda continuaran e continúen aínda hoxe en día a creer na lenda do ouro de Corcoesto.

Escrito por

Divulgador e presidente da Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Pode que che interese...