Queres saber como é a música en igrexas, muíños, castelos ou mosteiros?
Artistas galegos e grupos internacionais como a Austrian Baroque Company, Manseliña, Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, Xavier Díaz-Latorre e Samuel Diz conforman o cartel deste ano do ciclo de música “Espazos Sonoros“. Son concertos en espazos de interese cultural que chega este ano a Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona.
Este festival celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e mesmo fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, que xa pode consultarse en www.cultura.gal/axenda e www.espazossonoros.org
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora artística de Espazos Sonoros, Belén Bermejo, presentaron este mércores o cartel do ciclo, no que se dan cita artistas e grupos galegos e internacionais. A música antiga da recoñecida Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do ensemble Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017.
A paisaxe organística do Camiño do Norte
Non faltarán á cita da décima edición as roldas pola paisaxe organística galega, que desta volta porán o foco no Camiño do Norte ao seu paso por Vilalba, Mondoñedo e Lourenzá. A sexta das roldas pola paisaxe organísta incluirá a estrea de “Parábase”, unha peza en sete partes creada especificamente por Pablo Seoane para Espazos Sonoros e para os órganos da igrexa de San Salvador de Lourenzá, dous exemplares únicos que soarán conxuntamente, por vez primeira en moito tempo, nunha singular experiencia sonora.
Tampouco faltará o habitual espazo de achegamento á música antiga, cun obradoiro no mosteiro de Sobrado dos Monxes dedicado ao mundo da danza histórica, no contexto do panorama musical do Renacemento. Pablo Ruibal, Eva-Maria Rusche, Angela e Marco Ambrosini, e Víctor Blanco serán os encargados de impartir o obradoiro, moderado por Andrés Díaz.
Viaxes pola música antiga
Será na provincia da Coruña, no municipio de Vilasantar, onde bote a andar a décima edición de Espazos Sonoros, o 2 de setembro. A igrexa de Santa María de Mezonzo acollerá o concerto inaugural, no que os virtuosos Marco Ambrosini (viola de chaves contralto), Angela Ambrosini (viola de chaves soprano) e Eva-Maria Rusche (clave) farán un percorrido polas músicas de compositores italianos, españois, centroeuropeos e ingleses do Barroco.
O ensemble Favola d’Argo, con sede na cidade do Porto, propoñerá, o 9 de setembro, na igrexa de Santa Mariña de Sela, no municipio coruñés de Arbo, un achegamento á obra dunha figura máxima da cantata italiana do Primo Seicento, o compositor Giovanni Felice Sances. Á súa vez, o guistarrista catalán Xavier Díaz-Latorre –un dos máis nomeados intérpertes especializado en instrumentos antigos de corda pulsada– realizará un percorrido, o 16 de setembro no mosteiro de Montederramo, pola historia da música, desde a Idade Media ata o Barroco, no que amosará a evolución da guitarra desde as súas formas máis arcaicas, a guitarra medieval e renacentista, pasando pola viola de man, ata chegar á guitarra barroca.
O día 30 de setembro, na igrexa de Santa María de Godos, en Caldas de Reis, a música antiga e a tradicional uniranse no concerto do grupo Manseliña, que participou hoxe na rolda de prensa da presentación da programación de Espazos Sonoros. Baixo o título “Sedía la fremosa. Vestixios da lírica medieval galegoportuguesa na tradición oral galega”, María Giménez, Valentín Novio e Pablo Carpintero porán en diálogo a tradición viva e a lírica medieval con réplicas de instrumentos do Pórtico da Gloria e do pazo de Xelmírez.
A música antiga será tamén a protagonista do concerto de clausura, o 15 de outubro, a cargo da Austrian Baroque Company, unha formación de cámara vienesa de renome internacional especializada na interpretación de música instrumental e vocal europea dos séculos XVI a XVIII.
Recuperación do patrimonio musical
A recuperación do patrimonio musical será outro dos eixos de Espazos Sonoros. O pianista e investigador Alejo Amoedo e a cantante lírica Susana de Lorenzo, acompañados polo polifacético Abraham Cupeiro, ofrecerán un concerto o 11 de outubro, no Liceo de Ourense, arredor das músicas de salón da segunda metade do XVIII, no que sacarán á luz pezas para piano só ou voz e piano copiadas polo músico alemán Antonio Krause e que se atopan no Arquivo Provincial de Ourense, así como de tres pezas de música galega para fortepiano, copiadas polo que foi organista e mestre de capela da colexiata da Coruña, Diego Antonio Machado, na actualidade na Biblioteca Nacional.
Como aperitivo ao concerto, as persoas inscritas terán ocasión de facer unha pequena visita guiada ao Arquivo Histórico Provincial, onde poderán ver os orixinais manuscritos de dúas obras inéditas compostas por Krause, que foron recuperadas e transcritas polo músico e investigado Andrés Díaz Pazos, por encargo do festival, para seren interpretadas durante o posterior concerto.
Outra das viaxes musicais de Espazos Sonoros 2017 ofreceraa, o 17 de setembro, o músico e investigador Samuel Diz, cun percorrido histórico pola presenza da guitarra en Galicia. Obras compostas por José Chas, Jesús Bal y Gay, Frederic Mompou ou o autor contemporáneo Saúl Chapela, entre outros, integran un programa de músicas que terán como pano de fondo o lendario castelo de Pambre. Previamente, o ciclo ofrecerá unha visita guiada ao castelo, un dos máximos expoñentes da arquitectura civil medieval galega, recentemente rehabilitado e aberto ao público.
Os instrumentos populares galegos
Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero serán os encargados de guiar un completo paseo a través das ferramentas da tradición musical de Galicia: os instrumentos populares galegos. Os sons da gaita, da zanfona, do acordeón, da requinta, da frauta, do bombo, da pandeireta ou do charrasco conducirán este concerto, o 23 de setembro, que terá como escenario os fornos da Pontenova. Previamente, Espazos Sonoros fará unha visita guiada por estes antigos fornos para a calcinación do mineral de ferro e unha andaina pola antiga ruta do ferrocarril do municipio lucense.
Propostas para a descuberta do patrimonio
Entre as actividades que propón a nova edición do ciclo para coñecer o patrimonio destaca a ruta dos Muíños, en Vilasantar, nunha xornada que incluirá unha vista á granxa ecolóxica Millo e Landras, onde as persoas asistentes poderán participar da experiencia da elaboración de queixo artesán do país. A visita ao obradoiro de campás Ocampo, en Caldas de Reis, único en Galcia e un dos últimos que quedan na península Ibérica, xunto cunha andaina polo espazo natural do Bidueiral de Gabín, en Montederramo –un conxunto boscoso dunha grande importancia ecolóxica–, e cunha ruta pola contorna de Santa María de Sela, en Arbo, con mananciais, pesqueiras de lamprea e fermosas videiras, completan as actividades para a descuberta do patrimonio.
Todos os concertos do festival Espazos Sonoros son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas, a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org