fbpx
Tríscel atopado en Castromao

Trisceles e cores vermellas decoraban vivendas na Cibdá de Armeá, un poboado galaico-romano do século I

Tempo de lectura: 3 min.

Como era a decoración dun poboado galaico-romano do século I?. A campaña arqueolóxica que rematou na Cibdá de Armeá, en Allariz, acaba de sacar á luz numerosas novidades, entre elas, como se decorarían as casas deste poboado.

Segundo explicaron os responsables do proxecto, durante a intervención na zona coñecida como a Atalaia apareceron dúas novas pedras labradas que engalanaban os muros das vivendas, unha delas cun tríscele con restos de pigmento vermello, o que indicaría que os muros destas casas se atopaban enlucidos cun morteiro desa cor.

Tamén se descubriron varias estancias da casa e unha canle de desaugue que descorre baixo o enlousado e feita en parte con ladrillos. Ao norte destas estruturas da vivenda atopouse un posible almacén con varios muíños polo que se interpreta como unha zona de procesado de produtos.

Ademais desta actuación, na Atalaia abordouse a escavación dunha nova vivenda que se estende cara o leste da ‘domus’ sur. “Escaváronse dúas estancias onde se recuperaron importantes cantidades de material arqueolóxico e que sinalan que esta zona estaba dedicada á produción de utensilios de metal e vidro”, apunta Adolfo Fernández.

Foron as principais novidades destaca campaña que tivo como obxectivo afondar no coñecemento histórico da “Cibdá de Armeá”, que os arqueólogos datan no século I. No seu balance, Adolfo Fernández, arqueólogo do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo que dirixiu a campaña, destaca como se cumpriron e superaron os obxectivos previstos para esta intervención.

As pioucas da Santa, na Cibdá de Armeá, Allariz / Duvi

Escavacións na zona da Atalaia

Sobre os traballos desenvolvidos, Adolfo Fernández detalla que “esta campaña actuouse sobre todo na finca da Atalaia coa intención de sacar á luz a ‘domus’ norte, unha gran vivenda situada na metade norte da Atalaia e que estaba parcialmente escavada”. Acadado este obxectivo, sinala o arqueólogo, quedan á vista e visitables as dúas vivendas do xacemento, unha vez que a ‘domus’ sur xa quedou totalmente escavada no 2016. “Os resultados foron mellor do esperado documentándose, un gran patio enlousado e un pórtico con columnas dos que se conservaba tres bases”, comenta.

Actuacións fóra da Atalaia

Vista da Cibdá de Armeá / Duvi

Tamén se fixeron dúas actuacións en zonas fóra da Atalaia. Unha delas foi nas Pioucas da Santa, un lugar de culto. “Cunha sinxela limpeza do interior do recinto e varias sondaxes no exterior, que non afectaron ao recinto cultual, constatouse a presencia dun derrubo de tellas, un enlousado e un muro de construción romana (así como materiais romanos) o que permitiu datar a estrutura primixenia”, relatou o director do proxecto. Polo momento, engade, non se coñece a funcionalidade desta estrutura. A última das actuacións da campaña 2017 en Armeá foi nunha finca cedida ao concello por Manuel Losada, veciño da localidade, para que fose escavada polos arqueólogos. Esta actuación acabou co achado inesperado de restos da muralla dun recinto previo á ocupación romana da Atalaia, ademais doutras estruturas, como canles de desaugue escavadas na rocha.

30 persoas

Durante a campaña participaron nos traballos de campo levados a cabo preto de 30 persoas, entre alumnado procedente de diferentes universidades estatais, equipo técnico e obreiros achegados polo Concello de Allariz, entidade que financiou a intervención. A dirección dos traballos de campo recaeu este ano en Patricia Valle, sendo outra das arqueólogas responsables Alba Antía Rodriguez, ambas investigadoras predoutorais da Universidade de Vigo.
“O proxecto de Armeá segue a ser o gran referente das escavacións académicas en Galicia logo de sete anos consecutivos de escavacións e investigación, o que fai que sexa recoñecido a nivel peninsular e que centos de alumnos demanden cada ano poder participar nalgunha das dúas quendas de 15 días que facemos”, explicou no Duvi o Adolfo Fernández sobre o xacemento.

Pode que che interese...