A Xunta tamén quere que o patrimonio sirva para impulsar o sector do ladrillo
A Xunta quere que a futura Lei de Rehabilitación impulse o sector da construcción, un sector que foi dos máis castigados pola crise. “Non haberá unha verdadeira recuperación económica sen unha firme recuperación do sector da construción”, dicía hai uns días o presidente da Fundación Laboral da Construción, Juan Lazcano, quen recoñeceu a necesidade de que o sector deixe esquecidos os elementos especulativos que precederon á crise económica.
Foi durante a inauguración do Centro Estatal de Formación de Referencia en Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción en Santiago de Compostela, no que a Xunta captou a mensaxe e anunciou que axudará á recuperación do sector. Pero, como?

Centro Estatal de Formación de Referencia en Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción / Patrimonio industrial arquitectónico
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou nese mesmo acto os obxectivos do seu Executivo para impulsar o sector do ladrillo. Así, anunciou que está a preparar a primeira Lei galega de rehabilitación, que previsiblemente será remitida ao Parlamento en setembro, co obxectivo de facer do patrimonio arquitectónico de Galicia “un elemento de dinamización económica”.
Segundo dixo, coa nova normativa que impulsará a Xunta facilitarase a rehabilitación aproveitando o patrimonio construído e respectando o seu carácter histórico. Ademais, subliñou que se trata de establecer un marco administrativo propicio para promover a coordinación entre administracións, suprimir as trabas e dificultades para quen acomete estas actuacións, así como impulsar a rexeneración urbana e un rural vivo para crear áreas atractivas para vivir.
A Xunta tamén aspira a garantir a planificación e a cualificación técnica das intervencións; fomentar a cultura da rehabilitación tanto entre administracións como entre a cidadanía e convertela nun motor de desenvolvemento económico e do emprego.
E o certo é que todos os actores do mundo da construción están convencidos que a axuda das institucións públicas ten que ser “imprescindible” para impulsar o sector do ladrillo apostando pola fórmula de investimento público-privada .