Como foi a descuberta da segunda gran cova de arte rupestre en Galicia
Novo achado en Galicia. E non un calquera, senón un descubrimento que pode supoñer a apertura de novas vías de investigación sobre a arte en Galicia. E todo grazas a persoas amantes da nosa historia e do noso patrimonio que deron cunha cova na que apareceron pinturas rupestres que xa están sendo analizadas por arqueólogos de Patrimonio. En todo caso, o importante, agora, é protexer este ben e evitar visitas masivas que o poidan danar á falta dun estudo en profundidade.
Foi a Garda Civil, concretamente o Seprona, o que este mércores facía público o anuncio, ao suliñar que estaban inspeccionando unha cova situada no termo municipal de Baleira que presenta pinturas rupestres descoñecidas ata agora. Terían sido tres senderistas que atopaban na zona os que informaron o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil, tras localizar marcas con aspecto de pinturas rupestres.
Con todo, e segundo puido saber Historia de Galicia, esta cova foi descuberta por un veciño da Fonsagrada moi afecionado a historia, David Outeiro, xa hai días. Este veciño tería informado do achado ao colectivo Mariña Patrimonio que se desprazou ao lugar. Unha vez comprobada a importancia das pinturas, puxéronse en contacto co servizo de Patrimonio da Xunta con petición de proteción do ben o pasado 24 de xullo.
Desde entón, Patrimonio estivo tentando verificar a importancia deste achado. E, de feito, o propio xefe de Arqueoloxía da Xunta, Roberto Pena, trasladouse a esta cova hai uns días xunto con Fernando Carrera, un reputado especialista na materia profesor da Escola de Restauración. Carrera, segundo as fontes consultadas, tería confiramado a importancia do achado.
Prudencia
Con todo, a Xunta pedíu prudencia para realizar unha investigación máis pormenorizada e tentar protexer este ben xa que teme que, co descubrimento, se poida encher de curiosos e poida resultar danada. “Facemos un chamamento a que, por favor, a xente non vaia alí, e que avise se sabe de xente que vai a ir porque poderiamos estar ante un gran descubrimento que se podería poñer en perigo”, indican fontes consultadas.
E o certo é que o achado podería revolucionar a arte rupestre en Galicia. Ata agora, a única gran manifestación desta arte nunha cova estaba en Cova Eirós. As pinturas atopadas agora, segundo as indagacións realizadas por este portal –pero sempre á espera de facer un estudo en profundidade– poderían ser do Calcolítico. De feito, hai moitas semellanzas nos trazos con outras atopadas nunha cova de Asturias.