fbpx
San Lourenzo, o santo patrón de Cereixa e do Castro de San Lourenzo
San Lourenzo, o santo patrón de Cereixa e do Castro de San Lourenzo

A historia de San Lourenzo de Cereixa, o santo que naceu nun castro

Tempo de lectura: 3 min.

O proxecto arqueolóxico do Castro de San Lourenzo recupera por segundo ano consecutivo a tradición de levar a San Lourenzo en procesión ata o castro que leva o seu nome. Alí queda a talla ao longo da xornada festiva, nas ruínas escavadas do que podería ser a antiga igrexa parroquial de Cereixa (Pobra do Brollón), a “igrexa de San Lourenzo”.

Precisamente, a tradición local di que o santo non estaba na igrexa actual da parroquia, senón que viña do castro e que, ás veces, enfurruñabase e escapaba de volta ao seu lugar orixinal.

Os resultados da primeira campaña de escavación o ano pasado xa indicaban a existencia dun antigo edificio relixioso. Este ano, os restos atopadas – que inclúen once tumbas medievais – reforzan esta idea e suxiren un centro relixioso altomedieval que posiblemente foi o xermolo da actual parroquia de Cereixa.

Procesión do San Lourenzo en Cereixa, Pobra do Brollón

Festa popular

A festa comeza o xoves 10 de agosto ás 11:30 cunha misa en honra de San Lourenzo e seguidamente iniciarase a procesión coa imaxe do santo ata o castro. Xa no castro, sobre as 13:00, haberá unha sesión vermú. Para a comida, haberá un restaurante ambulante ao pé do castro que ofrecerá churrasco e polbo.

Ás 16:00 iníciase a programación de visitas guiadas ao castro e as actividades para nenos. Os rapaces poderán probar a ser arqueólogos por unha tarde no “arqueocampo” e tamén facer cerámica grazas ao obradoiro de olería castrexa da Fundación Terra Termarum.

Cara ao final da tarde, ás 19:00, comezarán as actuacións entorno ás lendas asociadas ao castro. Aproveitando o espazo do “burato dos mouros”, unha antiga galería mineira, e coa muralla do castro a modo de chanzo natural, os asistentes poderán gozar dunha sesión de historias e música a cargo do actor Avelino González, o músico Pablo Camarero, o arqueólogo Xurxo Ayán e o artista polivalente Suso O’Corenta.

Sobre ás 21:00 a Asociación de Veciños María Castaña ofrecerá unha cea popular que servirá para repoñer forzas para unha noite que sigue cargada de actividades. Primeiro actuará o grupo de folk O Garabelo para despois dar paso a unha actividade de astronomía na que experto guiará a observación das Perseidas, a chuvia de estrelas fugaces tamén coñecidas como as “bágoas de San Lourenzo”. A festa rematará xa pasada a medianoite cunha queimada.

Vista aérea do Castro de San Lourenzo, en Cereixa, Pobra do Brollón

San Lourenzo: unha festa, un castro e un proxecto

A Festa do San Lourenzo enmárcase no Proxecto de San Lourenzo, que comezou en 2016 promovido pola Asociación de Veciños María Castaña. Trátase dun proxecto de arqueoloxía en comunidade que ten como obxectivo a escavación do Castro de San Lourenzo e a dinamización da parroquia de Cereixa e o seu entorno.

O Castro de San Lourenzo é un castro mineiro romano clave para entender a estratexia de minería de ouro na zona e as vías de comunicación que conectaban a Terra de Lemos con outros lugares do Imperio. O castro foi reocupado en época medieval e moderna para usos diversos e nunca perdeu a súa importancia para os veciños. A rentes do castro pasa o actual Camiño de Inverno a Santiago, reaproveitando esas ancestrais vías de comunicación.

Dentro do proxecto tamén se ofrecen visitas guiadas gratuítas ao castro e á parroquia de Cereixa. A previsión inicial era mantelas ata o 15 de agosto, pero en vista da demanda, a organización decidiu ampliar ata o 31 de agosto.

Pode que che interese...