fbpx
Ilustración das cantigas de Santa María / foto PD Wikimedia

A historia do Pergamiño Vindel, un dos ADNs da lingua galega

Tempo de lectura: 2 min.

Quen non coñece o fermoso poema “Ondas do mar de Vigo” de Martín Codax, un dos grandes trovadores que deu a literatura medieval?. Pero, sábese a historia desa gran obra e do dese gran poeta-trovador que tiña no mar de Vigo a súa inspiración poética?.

Habería que remontarse, cando menos, ao século XIII, cando Galicia aínda tiña estatus de reino e o seu idioma era unha lingua de cultura que se coñecía en toda Europa e era falada por reises, como Afonso X.

Foi nesa época cando Martín Codax escribiu a súa grande obra. Un escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros do que nada se soubo ata hai cen anos. O texto –coñecido como Pergamiño Vindel- contiña as sete cantigas de amigo de Martín Codax, coa notación musical incluída de seis.

Canción profana galaico-portuguesa

Os seus textos xa eran coñecidos por formar parte dos cancioneiros sen música da lírica galaico-portuguesa. Porén, a súa música constitúe, xunto coas sete cantigas de amor de don Dinís, achadas no Pergamiño Sharrer, as únicas mostras que se encontraron até hoxe da canción profana galaico-portuguesa. A música das cantigas está escrita en notación cadrada, con ligaduras moi similares ás das Cantigas de Santa María.

A descuberta do pergamiño veu confirmar a hipótese da existencia de follas voantes, co texto e a música das poesías trobadorescas que eran entregadas polos trobadores aos xograres para a súa interpretación. Ademais, supón un documento fundamental para entender as características do galego-portugues e da súa evolución ata a actualidade.

Pergamiño Vindel, obra de Martin Códax / DUVI

Desparición

Houbo que agardar ata 1914 para que o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel a atopara na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o Pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977.

Foi una visita a Nova York da asociación Pertenza a que puxo en marcha un proceso que dous anos despois desembocou na confirmación da saída, por primeira vez, do Pergamiño de Nova York para a súa exhibición en Galicia. E xa restan menos de tres meses para a chegada do Pergamiño Vindel a Vigo, na que será a súa primeira exhibición fóra da Morgan Library de Nova York.

A Universidade de Vigo e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria veñen de subscribir un convenio para a realización conxunta de actividades, que teñen o obxectivo de achegar á cidadanía de Galicia a obra que contén as sete cantigas de Martin Codax, seis delas coa súa notación musical. “

A que está considerada como un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa será a peza central da mostra Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas que se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018.

 

Pode que che interese...