A masiva visita á Torre de Hércules provoca restriccións no seu acceso
O persoal municipal que traballa na Torre de Hércules ten en marcha, dende hai unha semana, un novo sistema de cara a facilitar o acceso ao monumento, patrimonio da humanidade. O obxectivo é minimizar as colas que se producen todos os veráns debido ao gran atractivo que o faro ten para os e as visitantes. En concreto, e segundo os datos recollidos polo concello, no que vai de verán a Torre recibe, de media, unhas 800 visitas diarias, se ben só pode ser visitada á vez por grupos dunhas 30 persoas.
Desde a pasada semana, as persoas que se achegan ao monumento reciben unha tarxeta que especifica o tramo horario no que o ou a interesada debe acudir para poder acceder á Torre. “Con este sinxelo mecanismo, os e as visitantes evitan as colas de máis dunha hora que se estaban a formar en torno ao histórico faro”, apunta o concello.
Os e as traballadoras do recinto recordan que, mentres tanto, as persoas que así o desexen poden visitar tanto o rico entorno natural da Torre, como o Centro de Interpretación ou o Parque das Esculturas. Os tempos de espera, desta forma, estánse a reducir en máis de 45 minutos.