Montederramo, a historia dun mosteiro en venda no que se falou por primeira vez da Rivoira Sacrata
“Singular vivienda en venta ubicada en el monasterio cisterciense de Santa María de Montederramo, (monumento nacional desde 1951), que tras la desamortización de Mendizábal fue vendido a particulares, y pertenece a los propietarios actuales desde hace 3 generaciones. Consta de 3 partes, diferenciadas e independientes”. Así recolle o portal inmobiliario idealista.com a descripción dun dos BIC máis importantes da provincia de Ourense que está á venda e do que xa deu conta esta web.
240.000 euros por 400 metros cadrados. Iso é o que pide este portal inmobiliario pola venda dunha vivenda, un baixo industrial e un almacén que se sitúan nese mosteiro, onde hai outras vivendas e baixos comerciais. Non era o único, en habitalia.com baixaban o prezo case un terzo, ata os 150.000 euros. E todo, nun dos grandes mosteiros galegos cunha igrexa, cuxa fachada, é un dos principais exemplos do estilo herreriano en Galicia. Santa María de Montederramo, beneditino e logo da orde do Císter, foi posiblemente fundado no século X e chegou a se converter nun dos mosteiros de maior poderío económico e social ata a desamortización.

Claustro da portería do mosteiro de Montederramo, coñecido como claustro dos medallóns / wikipedia
E non só iso, segundo consta nun documento asinado en Allariz de 27 de agosto de 1124 foi refundado por Tareixa de Portugal. Neste documento rexístrase por vez primeira a denominación Rivoira Sacrata para todos os mosteiros que se atopan na actual Ribeira Sacra.
Precisamente, logo das numerosas denuncias e críticas, por fin o concello de Montederramo e a Xunta de Galicia se puxeron de acordo para intentar protexelo, aínda que sexa só un pouco. Por iso, presentaron hai uns días o plan director deste monumento.
Chamoso Lamas, xa cualificou a Montederramo como “o máis descoñecido dos vellos mosteiros galegos”, destacando “que se trata tamén dun dos máis sobranceiros bens cos que conta a nosa terra”. Por iso, a Xunta quere dar apoio técnico ao Concello para que poida solicitar unha subvención con cargo ao 1,5% cultural “a partir dun proxecto sólido” e tentar poñelo en valor.
Plan director de Montederramo
O Plan director é só un primeiro paso. É o documento no que se define o estado actual do monumento, recollendo a información dispoñible e sistematizando as propostas para o seu uso, mantemento e conservación. De aí a que se poida salvar un ben aínda queda moito camiño.
O seu obxectivo é establecer o estado de conservación actual do ben e definir as liñas de actuación de cara ao futuro para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentable de xeito compatible cos seus valores culturais e de identidade.
Para iso descríbense, en primeiro lugar, as características do monumento e as súas patoloxías construtivas e funcionais; defínense as condicións para o seu mantemento e as súas necesidades de conservación e restauración; e, finalmente, analízase a potencialidade do monumento para o desenvolvemento organizado dunha proposta dos usos compatible cos seus valores culturais que permitan un desenvolvemento sustentable e que colaboren na súa axeitada posta en valor, ao tempo que o convertan nun desenvolvemento sustentable e que colaboren á súa axeitada posta en valor, ao tempo que o convertan nun referente tanto social como económico da comarca.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, no mosteiro de Montederramo / xunta.gal
Actuacións urxentes
Froito da redacción do plan, no último ano desenvolvéronse actuacións básicas de rehabilitación do ben, co fin de dar resposta á deterioración producida despois de que o inmoble deixase de albergar o antigo CEIP de Montederramo.
O obxectivo principal foi achegar as medidas mínimas precisas para conseguir eliminar o perigo fronte a terceiros que supoñía a caída de tellas nos beirís, así como deter as filtracións de cuberta e os danos que estaba producindo a humidade. Así mesmo, realizáronse melloras que permitirán desenvolver de forma máis sinxela traballos de conservación e mantemento.

Claustro da portería do mosteiro de Montederramo, coñecido como claustro dos medallóns / wikipedia
Fundado no século X
O mosteiro de Montederramo foi fundado no século X nun lugar distinto ao que ocupa na actualidade, no lugar de Seoane Vello, pese a que deste feito non existen probas documentais. Pola contra, si existen noticias do seu funcionamento ata mediados do século XII, e noméase como mosteiro de San Xoán de Seoane Vello, ou simplemente San Xoán Vello, e como pertencente á orde beneditina.
En 1124 foi refundado por Tareixa de Portugal e no ano 1153 pasa á orde do Císter e procedese á construción dun novo mosteiro que xa denominarían como de Santa María de Montederramo. Téñense documentadas numerosas doazóns reais que se realizaron durante o século XII. No ano 1163 o abade don Sancho recibiu unha bula do papa Alexandre III no que acolle o mosteiro baixo a súa protección e amparo. A partir de entón as pugnas co bispo de Ourense van ser frecuentes.
No ano 1415 o papa Bieito XIII expediu unha bula que reducía a priorato o mosteiro de Xunqueira de Espadañedo, filial do de Montederramo, e a finais do século XV o mosteiro fixo a súa última grande adquisición: o mosteiro de Santa María de Castro de Rei.
O mosteiro tamén foi centro de ensino. No ano 1582 estableceuse no mosteiro un Colexio de Artes e Filosofía, converténdose na Casa Central de Estudios da Orde Cisterciense.