fbpx
Mozos de varios países visitan o espazo dos Sete Camiños

Mozos de diferentes países de Europa coñecen o espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños

Tempo de lectura: 2 min.

Unha vintena de mozos e mozas de Galicia, Portugal e Italia que dende a pasada semana están participando no programa europeo Comunix percorreron este fin de semana un treito do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, entre o monte veciñal de San Xulián de Marín e de Salcedo en Pontevedra. A visita consistiu nunha andaina nocturna co obxectivo de coñecer os conxuntos rupestres de Pornedo e de Chan das Mouras situados, respectivamente, nestas dúas comunidades de montes.

A ruta comezou no xacemento da Idade do Bronce formado polas combinacións circulares, coviñas e armas -unha espada de un puñal- representadas a poucos metros deste privilexiado ‘balcón da ría’.

Entre as curiosidades desta primeira parada no itinerario, os rapaces e rapazas do proxecto Comunix puideron ver fotografías da década de 1950 pertencentes á época na que o mestre Carlos Paratcha participou posiblemente no descubrimento destes petróglifos. Na mesma zona, os participantes nesta actividade tamén puideron ver gravados modernos realizados no século pasado polo marinense José Meijón, que tamén deixou a súa peculiar impronta en varias laxes do Monte Pornedo.

A segunda parte da visita, segundo informan desde a Asociación Monte Pituco transcorreu nun dos grupos do amplo conxunto rupestre de Chan das Mouras, como anticipo da visita que a organización de Comunix ten programada en horario diurno para coñecer o traballo que está realizando a Comunidade de Montes de Salcedo na recuperación e transformación do seu monte veciñal, tanto a través da repoboación forestal, como da posta en valor do patrimonio histórico.

Participantes

A Asociación Monte Pituco (Pornedo) foi a anfitriona deste roteiro especialmente deseñado para a Escola Comunitaria que coordina a cooperativa cultural galega Trespés, e na que tamén colaboran o Centro de Estudos Sociais da Universidade de Coimbra e a organización italiana Partecipanza Agraria de Nonantola.

O propósito deste proxecto de cooperación transnacional e financiado ao abeiro do programa Erasmus +, é capacitar a mocidade para a xestión das terras e dos bens comúns, intercambiando experiencias e coñecementos sobre o tratamento dos recursos. Así, durante a súa estancia en Pontevedra, achegáronse ao funcionamento do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e a diversos proxectos de desenvolvemento vencellados á produción de cogomelos e á explotación de gando.

A escola Comunix en Galicia porá fin a esta experiencia mañá martes cunha xornada aberta que se celebrará no Centro Social de Salcedo a partir das 20:00 horas, co lema “Mocidade e xestión de terras comunitarias: tres realidades”.