fbpx
Reconstrucción dunha ermida medieval

Personaxes históricas virtuais e montaxes en 3D para coñecer a historia

Tempo de lectura: < 1 min.

A Mariña Virtual, así se chamará o centro que se abrirá no Concello de Foz e a través do que se poderá visualizar dun xeito tridimensional e interactivo a historia de toda esta comarca de Lugo “dunha maneira detallada e ordenada”.

Este centro estará localizado no edificio do Cenima (Centro de Interpretación da Mariña) e, segundo a Xunta, permitirá achegar ao visitante todo o potencial deste territorio, interactuando con personaxes históricos, viaxando no tempo e na historia a través de tecnoloxías avanzadas de realidade aumentada, montaxes 3D, videogravación inmersiva e tamén a través de realidade virtual.

“O proxecto permitirá coñecer dun modo diferente da man das novas tecnoloxías esta zona de Galicia, un xeodestino, o da Mariña lucense, que abarca os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo Viveiro e Xove”, segundo indicou o Goberno galego.

O Consello da Xunta aprobou este venres o proxecto de acordo polo que se autoriza a subscrición do convenio de colaboración entre Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Secretaría Xeral da Presidencia e o Concello de Foz para realizar este proxecto de 240.000 €.

Este convenio enmárcase no traballo da Administración autonómica pola promoción turística dos recursos diferenciadores de Galicia, como o é a costa galega, así como por impulsar a innovación turística e as novas tecnoloxías e tamén por promover e coordinar o desenvolvemento rural en Galicia.

Pode que che interese...